AchegArte na prensa galega
El Ideal Gallego: Máis de 20.000 visitantes sacan da crise ao sector cultural o primeiro día de Achegarte!
El País: Brillo cultural sin Xunta
La Opinión A Coruña: La gran fiesta de las artes de Galicia
La Voz de Galicia: A feira das industrias culturais Achegarte iniciouse reclamando a celebración de Culturgal en A Coruña
Vieiros: Último día para AchegArte á Coruña
Xornal de Galicia: Cando a Xunta acordou, a cultura seguía alí
Inaugurada a Feira AchegArte

A Feira AchegArte abriu esta mañá as súas portas nos dous espazos do Palexco e o Kiosco Alfonso. O horario de apertura da Feira hoxe sábado pola mañá é de 10:30 a 14:30. A música, a literatura, o audiovisual, as artes plásticas... todas as manifestacións da cultura que facemos están representadas no AchegArte. Proxeccións de curtas e documentais na sala Azimut; teatro e música nos escenarios do segundo andar; actividades de animación e obradoiros por todo o Palexco; danza e galerías de arte no Kiosco Alfonso... Agardamos por vós esta fin de semana no AchegArte!
AchegArte, a cultura que facemos, a cultura que queremos

O sábado 28 e o domingo 29 celebramos na Coruña a feira AchegArte, dedicada á creación e á industria cultural feita no noso país ou por xente do noso país. AchegArte ten dous escenarios principais: o Palexco e o Kiosko Alfonso. Os horarios de apertura da feira son os seguintes:
PALEXCO
Sábado, de 10:30 a 14:30 e de 16:30 a 22:00
Domingo, de 10:30 a 14:30 e de 16:30 a 2100
KIOSKO ALFONSO
Sábado e domingo: de 10:30 a 14:30 e de 16:30 a 21:00
A entrada é libre e de balde. Podedes descargar en PDF o programa actualizado; botádelle un ollo porque hai pequenos cambios respecto do que colgamos hai uns días.
Calendario Google de AchegArte
¿Por qué lloras, Marie?, Teatro para nenos no Fórum
Mañá sábado, día 28, o ciclo Todo Público trae ao Fórum Metropolitano unha montaxe da compañía vasca Marie de Jongh, que acadou o premio ao mellor espectáculo na Feira Europea de Teatro para Nenos e Nenas celebrado en Xixón en 2008 e que supón un referente en espectáculos para a infancia.
¿Por qué lloras, Marie? é un espectáculo sen palabras, de intenso clima emocional, magníficamente matizado por oportunos toques de humor e de gran tenrura no que se plantexa que os nenos tamén son suxeitos con problemas; neste caso trátase dunha nena conflitiva nunha gardaría. A función do día 28 dará comezo ás 19 horas; as entradas son a 5 € e existe un abono familiar para tres persoas ao prezo de 12 €.
Colgados de Áncora Producións, esta fin de semana no Rosalía

En épocas de crise hai moito colgado. Homesoga é un colgado profesional. O Concello da Coruña convídao a facer unha demo no Rosalía este fin de semana. Que tes un problema grave, pois el cólgase por ti. En fin, se precisas dos seus servizos, vén os días 27, 28 e 29 de novembro ao Teatro Rosalía Castro a gozar co espectáculo que presenta Áncora Producións, Colgados. As funcións do venres e o sábado son as 20.30 h.; a do domingo, ás 19 h.
Programa AchegArte
Xa podes consultar toda a programación de AchegArte!
Se queres inscribirte en algún dos obradoiros podes facelo nas Bibliotecas municipais durante esta semana ou na Secretaría de AchegArte no mesmo día do obradoiro.
Vémonos en AchegArte!
Hoxe presentouse o programa completo de AchegArte

O vindeiro fin de semana o Palexco e o Kiosco Alfonso acollerán unha cita importante coa cultura galega, AchegARTE: A Cultura que facemos. A cultura que queremos impulsada pola Concellaría de Cultura que dirixe a nacionalista María Xosé Bravo.
A convocatoria partiu dun colectivo de persoas que reclamou da Consellería de Cultura a reedición do Culturgal, un acontecemento que reuniu a miles de persoas na cidade arredor das distintas manifestacións da nosa cultura.
A Concellaría de Cultura do Concello da Coruña fíxose eco desta iniciativa colectiva e desinteresada, achegando o seu apoio e sumando tamén o apoio da Área de Promoción Económica da Vicepresidencia da Deputación da Coruña para facermos realidade entre todos e todas esta proposta. “Unha iniciativa importante para dar visibilidade á nosa cultura, para difundila e sobre todo para demostrar que ten un peso decisivo na economía do país” tal e como destacou a Concelleira de Cultura “porque a cultura xera riqueza e emprego e porque o investimento en cultura é sempre rendíbel a longo prazo”. Nesta feira/festa da cultura ao longo da fin de semana haberá espazo para as artes escénicas, as artes visuais, a música, o libro, o audiovisual, a danza e os servizos socioculturais.
AchegARTE está pensado como un espazo de encontro, de intercambio de experiencias e difusión da cultura que facemos. Unha oportunidade para coñecermos unha mostra da ampla oferta cultural galega. Nesta cita coa cultura galega poderase gozar do noso teatro, a música, as artes plásticas, o audiovisual, a danza, a palabra cantada e falada.... mais tamén será o lugar onde mercar o libro que buscas, a música que che gusta, a película que non viches, os agasallos do Nadal; ou a ocasión para facer un obradoiro de ilustración, de danza, de música, de teatro, de pintura ou maxia, para grandes e pequenos. Unha programación para todos os públicos.
Programa completo de AchegArte (PDF, 1042 KB)
A Domus celebra os 150 anos da publicación do libro “A orixe das especies”
O 24 de novembro cúmprense 150 anos da publicación dun dos libros máis importantes da historia da humanidade, A orixe das especies, de Charles Darwin, e os Museos Científicos Coruñeses queren celebrar a data dun xeito singular.
Para iso programáronse dous actos na Domus, que comezarán ás 20 horas
- A estrea dunha peza de teatro realizada especificamente para este evento pola compañía teatral CasaHamlet. A peza, titulada Encontro no xardín, fai referencia a Alfred Wallace, o amigo de Darwin e investigador da evolución das especies.
- A conferencia Como a xenética nos conta a historia das poboacións humanas, a cargo de Dr. Antonio Salas Ellacuriaga, investigador do Instituto de Medicina Legal, Universidade de Santiago de Compostela.
A entrada é libre e gratuita.
Concerto de “Tiempo Cuatro” no Teatro del Andamio
Teatro del Andamio, en colaboración coa Clínica Dental Pablo Varela, presenta hoxe venres 20 de novembro ás 21.00 horas na sala do "Teatro del Andamio" nos Rosales a actuación do grupo musical Tiempo Cuatro. O custo das entradas é de 4 €, que estarán a dispor do público desde unha hora antes do concerto.
Tiempo Cuatro nace como seminario de traballo no ano 2008 para afondar no tango instrumental contemporáneo de Astor Piazzolla. A fusión de estilos é o trazo distintivo desta música, quedando de manifesto nas formas clásicas como os preludios, as fugas e as suites entre outras, que evolucionan as súas estruturas a través de contrastes rítmicos, improvisacións e construcións harmónicas complexas, contrastadas con románticas melodías e efectos sonoros característicos doutros estilos. Esta ecléctica mestura de elementos, aparentemente opostos, xera un equilibrio musical que se traduce na conxunción sonora que Astor Piazzolla xerou como Novo Tango.
Os compoñentes son Suso Iglesias (Acordeón), Javier Cedrón (Violín), Andrés Pazos (Piano) e Antonio Romero (Contrabaixo).
O sábado 21 e o domingo 22, entrada de balde na Casa das Ciencias
Esta fin de semana a entrada á Casa das Ciencias será de balde, unha medida adoptada para paliar o feito de que a fin de semana pasada non fose posíbel o acceso ao museo tralo peche do Parque de Santa Margarita pola alerta de temporal. Os visitantes terán oportunidade de participar nas experiencias interactivas das súas plantas de exposicións e asistir ás sesións de planetario:
12 h. La noche del vampiro (infantil, versión castelán)
13 h. Evolución (versión galego)
18 h. Evolución (versión castelán)
Ademáis, eses dous días, ás 17 horas celebraránse Cosmicontos, sesións especiais de teatro co planetario como fondo para nenos entre 4 e 10 anos. É unha actividade co patrocinio da Consellería de Economía e Industria. Dirección Xeral de Investigación, desenvolvemento e innovación, Xunta de Galicia. O horario de apertura da Casa das Ciencias é de 10 a 19 horas.
Cinema no Fórum: The Curse of the werewolf
O filme The Curse of the werewolf de Terence Fisher, esta semana na Sala Fernando Rey do Fórum Metropolitano dentro do ciclo Terror e ciencia ficción. Horario: Xoves 19, 20:30. Venres 20, 20:30 e 23:00. Sábado 21, 17:30 e 20:30.




















