BALDO RAMOS EN OUTONARTE

mércores, 10 setembro 2008, 16:26 | Category : Arte, exposicións, outonarte, poesía
Tags :

Outonarte programa

 

O POETA E ARTISTA PLÁSTICO BALDO RAMOS INAUGURA AS CHARLAS DE OUTONARTE CON “LIBROS DE POESÍA PARA VER”

  

Reflexionará sobre as coordenadas que rexen o seu traballo e dará a coñecer exemplares únicos dos seus libros de artista, describindo o seu proceso de creación.

O poeta e artista plástico Baldo Ramos (Celanova, 1971), será o encargado de inaugurar mañá xoves, día 11, as charlas e mesas redondas que integran o programa de actividades paralelas de OUTONARTE: Sobre o espazo infinito. A creación ao redor do mar, a Mostra de arte contemporánea que promove a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña. Será na sala Palexco, ás 19,30 horas.

Baldo Ramos falará dos seus libros de artista e do diálogo que establece hai anos entre a plástica e a poesía; entre as palabras e as imaxes. Reflexionará sobre as coordenadas que rexen o seu traballo e dará a coñecer algúns exemplares únicos dos seus libros de artista, describindo o seu proceso de creación e analizando a finalidade para a que nacen.

A obra de Ramos esculca nos espazos que comparten a poesía e a pintura, como amosan, entre outros, “Raíz de voo”, “Ut pictura poesis” ou “A ferida de comprender”. Os máis recentes libros de artista de Baldo Ramos son “Homenaxe a Valente”, “Na fronteira do dicir”, “Luz primeira” e “Aldara”, todos de 2008.

Licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela, na actualidade traballa como profesor de Lingua e Literatura Española. Ten publicados numerosos libros de poesía, dende “Raizames”, en 2001, ata os más recentes “Branco sobre negro” (2006); “Monólogo do calígrafo” (2007) e “Palimpsesto” (2008),
Recibiu tamén moitos premios, como os Arcipreste de Hita, Concello de Carral, Rosalía de Castro e mais o Celso Emilio Ferreiro, por citar algúns. Recentemente acadou un accésit do IV Certamen de Poesía Iberoamericana Víctor Jara.

Xa sobre a súa obra pictórica, Baldo Ramos expón con regularidade e mesmo ilustra libros, revistas e plaquettes.

A Mostra promovida pola Concellaría de Cultura do Concello e comisariada por Chus Martínez Domínguez, idease como unha fórmula que engloba todos os procedementos de exhibición. A selección dos trinta e un creadores e creadoras desta primeira edición de OUTONARTE atende a “unha deliberada vontade” de explorar as múltiples posibilidades das linguaxes artísticas e mesmo ofrecerlles aos múltiples rexistros e tendencias que conflúen na arte galega máis vangardista novos dispositivos expresivos.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Leave a comment

Cannot get file list: '/var/www/mapa/wp-content/plugins/SK2/sk2_plugins/' is not a valid folder path