Queres saber como soa A Coruña?
Os interesados/as en percorrer a cidade e gravar os seus sons máis enxebres teñen mañá domingo a súa oportunidade da man do grupo Escoitar.org (saída ás 11 horas, sala Palexco)
A segunda volta do Obradoiro Sonoro e as visitas guiadas ao redor da Mostra de Arte Contemporánea, propostas de OUTONARTE para a mañá deste 21 de setembro
A Coruña, sábado 20 de setembro de 2008.- Unha caravana de cidadáns e cidadás, equipados con aparellos de gravación, percorrerá mañá domingo a zona do porto da Coruña na procura dos sons máis característicos da cidade, especialmente os que teñen que ver co mar. Esta será a segunda e última fase do Obradoiro Sonoro que, a cargo do colectivo galego Escoitar.org, estase a desenvolver esta fin de semana dentro das actividades paralelas de OUTONARTE.
A saída está prevista ás 11 horas, na sala Palexco. O colectivo cidadá tentará rexistrar como soa a cidade e, sobre todo, o mar da Coruña. “Trátase de reivindicar a escoita nun mundo tan visual como o actual”, sinala Juan-Gil, un dos compoñentes de Escoitar.org. O Obradoiro principiou hoxe sábado as 11 horas na sala de exposicións de Palexco. A primeira parte, máis teórica, é un achegamento a temas relacionados coa escoita e o son, tales coma a hexemonía do ollo fronte ao oído, a inmaterialidade do son, a fisioloxía do oído e a imaxe e o son como produtores de cultura.
A de maña domingo será unha sesión práctica: un paseo sonoro pola beira do mar. Na andaina rexistraranse os sons con sistemas de gravación propios da fonografía. O seminario rematará cunha escoita e discusión dos resultados da gravación. “Que a xente veña a ver a que soa A Coruña, sobre todo o mar”, invita a titular da Concellaría de Cultura, María Xosé Bravo.
Escoitar.org está integrado polo musicólogo, Juan-Gil López e o antropólogo, Chiu Longina. Teñen participado en festivais, encontros e xornadas en Galicia, España e países coma Alemaña, Estados Unidos e Uruguai. Actualmente traballan en varios proxectos, algúns no ámbito galego como Fonotopías de Galicia. Tratase dun rexistro dos sons en perigo de extinción, apoiado pola Xunta.
Visitas guiadas
Mañá domingo tamén haberá visita guiada polas tres salas que acollen OUTONARTE. Será a partir das 12 horas. O percorrido comezará en María Pita para, ás 12.45, achegarse ata Palexco. Rematará a partir das 13.30 en Salvador de Madariaga. O seu obxectivo é que a cidadanía coñeza de primeira man as propostas da arte emerxente actual que realizan os artistas galego máis novos.














