Mesa redonda e roteiro tabernario en homenaxe a Lugrís

mércores, 24 setembro 2008, 15:22 | Category : Arte, mesas redondas, outonarte
Tags :

A proposta forma parte das actividades paralelas da Mostra de arte contemporánea que acolle A Coruña este mes de setembro

OUTONARTE HOMENAXEA A LUGRÍS CUN ROTEIRO POLOS LUGARES DA CORUÑA QUE AGOCHAN A SÚA PEGADA

O percorrido farase despois dunha mesa redonda na que, baixo o título “Lugrís, pintor do mar”, se reflexionará sobre a obra do pintor coruñés

A Coruña, mércores 24 de setembro de 2008.- OUTONARTE, a mostra de arte contemporánea galega que se está a desenvolver na Coruña rende, na súa última semana, unha homenaxe a Urbano Lugrís. O artista Antón Patiño e mais o especialista en personaxes e lugares da Coruña, Xurxo Souto, farán de cicerones nun percorrido polos lugares que frecuentaba Lugrís, nalgúns dos cales aínda queda testemuña da súa obra, sobre todo, grandes murais; unha das vías de expresión que caracterizaba ao pintor coruñés. Bautizado como “Roteiro Tebernario”, o percorrido guiado partirá da sala Palexco as 21 horas de mañá xoves, día 25 de setembro, e visitará, entre outros, A Bottega (rúa dos Olmos), A Mundiña (rúa da Estrela), os Cantóns e por fin, o café Veccio (rúa Real).
O “Roteiro” será o complemento da mesa redonda que, previamente, a partir das 19.30 horas, terá lugar, ese mesmo día, na sala de exposicións de Palexco, na que Antón Patiño, Luís Rei Núñez, Ánxeles Penas e Xavier Seoane analizarán, baixo o título “Lugrís, pintor do mar”, a obra e a vida do artista.

 

Esta homenaxe a Lugrís forma parte das actividades paralelas de OUTONARTE, unha proposta da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, que ó longo deste mes de setembro exhibe as propostas de 31 artistas novos galegos. A mostra pódese contemplar nas salas municipais de Palexco, Durán Loriga e Pazo de María Pita. Esta semana é a última oportunidade para ver esta panorámica da expresión artística galega máis vangardista: pintura, fotografía, escultura, instalacións, vídeos...
Como peche da mostra, o sábado 27 de setembro, ás 17,30 horas, na Praza de María Pita, Nova Galega de Danza representará unha escolma do seu último espectáculo. Logo, ás 21 horas, diante de Palexco, Odaiko Percussion Group ofrecerá o concerto “Galicia on the board”, unha representación chea de luz e son. Tamén será esta fin de semana a derradeira oportunidade de facer unha visita guiada por todo o Salón. A cita é na sala María Pita, o sábado, a partir das 18 horas o domingo, das 12 do mediodía.

A iniciativa da Concellaría de Cultura que este ano ten ou mar coma fío condutor pretende ter continuidade en anos vindeiros. OUTONARTE aspira a converter a cidade nun centro da creación plástica actual e favorecer a visibilidade e a proxección das propostas da xente máis nova.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Leave a comment

Cannot get file list: '/var/www/mapa/wp-content/plugins/SK2/sk2_plugins/' is not a valid folder path