Outonarte: despedida

venres, 26 setembro 2008, 11:36 | Category : Arte, música, outonarte
Tags :

A Mostra de Arte Contemporánea da Coruña conclúe a súa andaina con dúas convocatorias de luxo, Nova Galega de Danza e o grupo de percusión Odaiko.

OUTONARTE DESPÍDESE AO GRANDE

Esta fin de semana, derradeira oportunidade de percorrer as tres salas da exposición en visita guiada

OUTONARTE, a Mostra de Arte Contemporánea Galega promovida pola Concellería de Cultura da Coruña, chega ao seu final. Mañá, sábado 27 de setembro, haberá dúas últimas actividades paralelas que, canda as visitas guiadas da fin de semana, porán punto e final a esta primeira edición do Salón, Sobre o Espazo Infinito. A creación ao redor do mar.

Así, Nova Galega de Danza ofrecerá mañá unha escolma do seu último espectáculo ás 17,30 horas na praza de María Pita mentres, xa ás 21 horas e diante de Palexco, actuará o grupo de percusión Odaiko, que representará “Galicia on the board”, unha sorte de traca final de luz e son coa que dirá deica logo OUTONARTE.

Ambas actuacións, de entrada libre e gratuíta, terán como complemento as derradeiras visitas guiadas polas tres salas que acollen a Mostra, en total, sesenta pezas de 31 artistas novos comentadas e contextualizadas por un especialista en arte de vangarda: a de mañá, sábado, coma sempre, en horario de tarde, a partires das seis con saída no pazo de María Pita. A visita do domingo, día 28, xusto a mediodía, e dende esa mesma sala do Concello.

OUTONARTE, inaugurada o pasado 5 de setembro, tivo por obxectivo, nas palabras da concelleira de Cultura, María Xosé Bravo, “contribuír a estimular un debate crítico e plural, aberto, sobre a arte, o seu consumo e a súa funcionalidade social”. Arroupada por concertos, obradoiros, mesas redondas e charlas especializadas, mesmo dun Roteiro Tabernario á procura da pegada artística deixada polo pintor Urbano Lugrís na Coruña, a Mostra de Arte Contemporánea reuniu múltiples linguaxes creativas, “nunha deliberada vontade de explorar as moitas posibilidades, rexistros e tendencias que conflúen nas vangardas galegas”, segundo explicou a comisaria, Chus Martínez Domínguez.

OUTONARTE logrou facer cómplice das súas intencións a toda a cidade da Coruña: dende as salas de exposicións municipais até o estanque do Kiosco Alfonso, pasando polas augas da Dársena, o contorno do Obelisco ou o mesmísimo camarote do capitán Nemo, na Casa dos Peixes, participaron na Mostra. Outro tanto os coruñeses, quen corresponderon con interese e mesmo entusiasmo ás moitas alternativas á súa disposición ao longo do mes.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Leave a comment

Cannot get file list: '/var/www/mapa/wp-content/plugins/SK2/sk2_plugins/' is not a valid folder path