Ciencia e Cinema
Curtas e longas, producións para a televisión e para a gran pantalla, películas de intencións didácticas e outras de marcado carácter experimental... A Sección Oficial da I Mostra de Ciencia e Cinema ofrece un variado panorama das maneiras que o audiovisual ten de achegarse aos conceptos, procedementos e oficios da ciencia a través dunha selección atrevida e provocadora, que pretende escapar dos tratamentos máis convencionais.
Un dos documentais máis eloxiados do último Festival de Sundance, The linguists, exemplifica ben esta decidida aposta pola calidade, como proban as entusiastas reseñas de Variety ou Reuters, que titulou a súa crónica cun contundente "Linguists, the talk of the town at Sundance". "Excellent" foi o calificativo que o influínte Jonathan Rosenbaum lle dedicou ao documental de Maria Finitzo Terra incognita, un valente e honesto achegamento á investigación con células nai por medio da figura do doutor Jack Kessler, que decidiu mudar a súa liña de investigación logo de que a súa filla ficase parapléxica por mor dun tráxico accidente.
Persoal e audaz é o retrato que Dana Ranga fai do Cosmonauta Polyakov, o home que ten o record de permanencia no espacio, nun documental que obtivo o premio ao mellor filme no Festival de São Paulo. Galardoado nunha morea de festivais científicos foi Crude, o documental sobre o petróleo -un tema de permanente actualidade- escrito e dirixido polo australiano Richard Smith.
A Mostra abre un oco á experimentación con dúas obras de Ruth Jarman e Joe Gerhardt, Brilliant Noise e Magnetic Movie, e tamén á televisión intelixente grazas a dous programas arxentinos, Proyecto G e Alterados por Pi. Dese mesmo país chéganos El ojo de la Tierra, sobre a búsqueda dun lugar idóneo onde establecer o maior telescopio do planeta.
Unha ollada diferente sobre o drama da SIDA en África ofréceo a curtametraxe Les raisons d'un sourire, da cineasta de Bukina Faso Fanta Regina Nacro. A súa peza pertence á serie Scenarios from Africa, un fascinante proxecto de educación a través do cinema polo cal directores internacionalmente recoñecidos elaboran filmes sobre a SIDA inspirados en ideas proporcionadas por mozos africanos.
As nove pezas de Dimensions explican apaixonantes cuestións de xeometría e matemáticas mediante atractivos gráficos, coa singularidade de que o documental pode ser descargado libremente desde esta páxina web. Do humor e dun inequívoco espírito friki válese Laureano Jiménez para falar de ciencia na serie Wolframio, un tipo con química, co actor Miquel Simó encarnando ao excéntrico protagonista. E o humor non está tampouco ausente de In the name of roses: The fabulous story of poop, que repara nunha actividade fisiolóxica tan frecuente como pouco coñecida.















