Cine e natureza no Fórum

mércores, 19 novembro 2008, 11:55 | Category : cinema
Tags :

En agosto de 1920 o cineasta estadounidense Robert J. Flaherty marchou ao asentamento esquimó de Inukjuak, ao norte de Quebec en Canadá. Coñecía ben a zona pois traballara facendo prospeccións para unha compañía de ferrocarrís, e estaba ben familiarizado cos costumes dos inuit. Conviviu con eles durante un ano e nese tempo rodou moito material, que lle serviría logo para montar o que está considerado o primeiro gran documental da historia, Nanook of the North. O filme acadou un enorme éxito comercial: amosáballe ao público occidental un territorio de impactante beleza e se esforzaba en conseguir unha intensa identificación cos personaxes protagonistas, ao nolos presentar nas súas actividades cotiás (a caza, a pesca, mesmo a construción dun iglú). O poderoso mito do home en contacto coa natureza chegaba ao cinema e ficaría para sempre. Unha natureza ás veces xenerosa e ás veces hostil, que atopa na escuridade dunha sala e sobre unha gran pantalla o lenzo idóneo onde lucir ben fermosa.
Que sería do western sen eses grandes espacios excepcionalmente retratados por xenios coma Winton C. Hoch? O relato épico da “conquista do Oeste” é tamén a historia da conquista da natureza salvaxe, domesticada para facela máis accesíbel e permitir o nacemento de novas cidades. É o relato, pois, da desaparición dos espacios naturais, e dos que neles tiñan o seu fogar, nalgúns casos con ton elexíaco, o que corresponde para cantar un mundo que se extingue. O cinema sempre mirou con bos ollos a aqueles que quixeron vivir en harmonía coa natureza, de Dersu Uzala a Jeremiah Johnson, ou o exemplo máis cercano de Into the wild, o máis recente filme de Sean Penn baseado na experiencia real de Christopher McCandless. O conflito entre o desenvolvemento e o difícil equilibrio sustentábel asoma en A selva esmeralda ou Os derradeiros días do Edén, e con apuntamentos de comedia en Un lugar chamado Milagro, dirixida por Robert Redford. Con vocación de impactante experiencia audiovisual Godfrey Reggio preparou a súa triloxía Qatsi, co apoio da música de Philip Glass. Intencións semellantes tiña Ron Fricke con Baraka, ou a parella Claude Nuridsany e Marie Perennou, que pasou de descubrirnos en Microcosmos o fascinante mundo que se agacha en calquera xardín a contarnos a marabillosa historia da orixe da vida na voz dun griot africano en Xénese, un filme cheo de imaxes abraiantes.
En novembro, a Natureza invade a Sala Marilyn Monroe da man dunha familia nómade de Mongolia, unha tribo do Nepal e un sabio sufí cego nos desertos de Túnez e Irán, e tamén de Nanu e Seela, un osiño e unha morsa aprendendo a sobrevivir nuns xeos ameazados polo cambio climático.

Sala Marilyn Monroe: Novembro de 2008
6, 7 e 8: La historia del camello que llora (Luigi Falorni e Byambasuren Davaa, 2003)
13, 14 e 15: Bab'Aziz (Nacer Khemir, 2005)
20, 21 e 22: Los reyes del Artico (Adam Ravetch e Sara Robertson, 2007)
27, 28 e 29: Himalaya (Eric Valli, 1999)

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Leave a comment

Cannot get file list: '/var/www/mapa/wp-content/plugins/SK2/sk2_plugins/' is not a valid folder path