Cinema no Fórum: A política no cinema
A gran gañadora dos Oscars en 1949 foi un filme que contaba a traxectoria ascendente dun político norteamericano desde o condado rural ao que pertencía até a cadeira de governador: ao longo dese camiño cara ao éxito vai esmorecendo a súa honestidade e acaba por ser partícipe da mesma corrupción que noutrora criticaba. O potente discurso de O político (All the King's men), quizais impensábel nunha gala dos Oscars dos nosos días, proba as inquietudes ideolóxicas e sociais do seu director, Robert Rossen, membro en tempos do Partido Comunista e que axiña caería en desgraza diante dunha industria que acabou por incorporar o seu nome á tristemente célebre “lista negra”.
All the King's men reflicte o lado escuro da política, mais foron moitas as ocasións nas que o cinema americano amosou a súa faciana máis amábel, ben fose por medio de haxiografías dos grandes presidentes (Abraham Lincoln de David Wark Griffith ou a tan pouco coñecida coma espléndida Wilson de Henry King), ou con relatos esperanzados tipo Cabaleiro sen espada de Frank Capra, cantos á integridade propios da década do New Deal. O abrupto corte da II Guerra Mundial marca a perda da inocencia e anuncia unha nova era; a ilusión de O xove Lincoln dá paso á amargura crepuscular de O derradeiro hurra, dúas das moitas obras mestras de John Ford. De volta de todo, Chaplin ironiza sobre a sociedade ianqui en Un rei en Nova York e xa nos sesenta o espírito crítico volve tomar posicións de privilexio con dous maxistrais exercicios de política-ficción dirixidos por John Frankenheimer: Sete días de maio, que fabulaba sobre un intento de golpe de estado, e a inquietante The Manchurian candidate. Nos últimos anos Hollywood non deixou de interrogarse sobre o estado de saúde do seu sistema democrático a través dos panfletos (no mellor sentido da palabra) de Michael Moore, dos ruidosos traballos de Oliver Stone (JFK, Nixon ou o inminente W.) ou cunha intelixente parábola con aspecto de película de instituto, Election de Alexander Payne.
Nunhas semanas marcadas polo cambio de rumbo na Casa Branca e a escala galega pola efervescencia preelectoral, a Sala Fernando Rey repasa a presenza dos políticos e a política no cinema cun ciclo que comeza coa mítica película de Robert Rossen para logo mirar máis alá dos Estados Unidos e reparar tamén na relectura que Robert Guediguian fixo do final da vida do Presidente Miterrand en O paseante do Champ de Mars ou na dura realidade sociolóxica latinoamericana con dous premiadísimos filmes, o mexicano La ley de Herodes de Luis Estrada e El custodio do arxentino Rodrigo Moreno.
Sala Fernando Rey: Xaneiro de 2009
8, 9 e 10: O político (All the King's men)
15, 16 e 17: La ley de Herodes
22, 23 e 24: Le promeneur du Champs de Mars (Presidente Miterrand, o paseante do Champ de Mars)
29, 30 e 31: El custodio














