Cinema no Fórum: Estreas en V.O.

A década dos 60 foi a dos "novos cinemas", a da emerxencia dunha morea de autores novos que en todo o mundo comezaban a cuestionarse os fondos e as formas da creación fílmica, ás veces beneficiándose dos tímidos xestos aperturistas ofrecidos por réximes políticos pouco amigos das liberdades individuais, caso da España franquista e os países do leste. Checoslovaquia viviu tamén unha esplendorosa primavera no cinematográfico na que agromaron un feixe de directores interesantes que chegaron a acadar unha importante repercusión internacional, coma Milos Forman, logo incorporado á industria de Hollywood e que nesa altura sorprendeu con Os amores dunha loira ou Lume, miña rula; Ján Kadár e Elmar Klos, directores de A tenda da Rúa Maior, que gañou o Oscar ao mellor filme estranxeiro en 1965, ou Jirí Menzel, que obtivo o mesmo premio dous anos despois con Trens rigorosamente vixiados, adaptación dun texto do novelista checho Bohumil Hrabal.

A conexión de Menzel con Hrabal non se limita a ese título. Prosegue en 1969 con Lavercas no arame, prohibida daquela pola censura e estreada vinte e un anos máis tarde; Postriziny (Cutting it short), rodada en 1981; A festa das campaíñas, en 1983, e acadou un novo fito en 2006 coa deliciosa Eu servín ao Rei de Inglaterra, baseada nunha novela -editada en galego por Rinoceronte- que conta a historia da Checoslovaquia desde os anos anteriores á invasión nazi até a ocupación soviética desde a perspectiva dun aprendiz de camareiro.

Esta espléndida e divertidísima fita abre o ciclo de estreas en V.O. que ocupa en xaneiro a Sala Marilyn Monroe, unha magnífica oportunidade para descubrir filmes que non chegaron a ter distribución comercial na nosa cidade e que se completa co drama Xente pouco corrente de Griffin Dunne, protagonizado por Diane Lane e Donald Shuterland; a irlandesa Garage de Lenny Abrahamson, que formou parte da sección oficial do Festival de Las Palmas, e Cen cravos, a última marabilla creada por un dos autores europeos máis respectados, Ermanno Olmi, a quen lle debemos filmes coma A árbore dos zocos (Palma de Ouro en Cannes 1978), A lenda do santo bebedor (León de Ouro en Venecia 1988) ou O oficio das armas, que en 2002 arrasou con nove premios na entrega dos David di Donatello, os Goya do cinema italiano.

Sala Marilyn Monroe: Xaneiro de 2009
8, 9 e 10: Obsluhoval jsem anglického krále (Eu servín ao Rei de Inglaterra)
15, 16 e 17: Fierce people (Xente pouco corrente)
22, 23 e 24: Garage
29, 30 e 31: Centochiodi (Cen cravos)

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Leave a comment

Cannot get file list: '/var/www/mapa/wp-content/plugins/SK2/sk2_plugins/' is not a valid folder path