Iberojazz: concerto de Jacobo de Miguel e Ton Risco

O concerto de hoxe no Fórum Metropolitano será a presentación de “DÚO”, o primeiro disco do proxecto formado por Jacobo de Miguel (piano) e Ton Risco (vibráfono) que amosa unha perspectiva camerística da música de jazz. É a culminación de anos de traballo musical e a mestura de dúas persoalidades de experiencias diferentes mais con puntos converxentes en aspectos cruciais: o entendemento musical, o gusto pola delicadeza e o compromiso coa música improvisada. Neste sentido, a concepción das súas composicións participa destes feitos tanto no labor compositivo coma nas secións improvisatorias. En “Dúo” converxen diferentes tradicións musicais: a clásica, a americana e a europea. Non é casualidade daquela que ambos os dous teñan formación clásica e participen non só da tradición jazzística americana senón tamén do gusto pola chamada “música seria”. Coma músicos do noroeste da península participan dunha corrente de interpretación europea crucial no desenvolvemento do jazz ao longo do século XX. Máis alá destas consideracións, “Dúo” é, sobre todo, a suma de dúas individualidades musicais que están a atopar un espazo común no que construír a súa obra.
Jacobo de Miguel é un pianista ovetense de formación clásica que ben axiña centrou o seu interese na música improvisada e o jazz. Foi profesor nos talleres de músicos de Oviedo e Gijón e actualmente é profesor na Fundación de Música Moderna de Avilés onde dirixe o Departamento de Improvisación e Jazz. Completa o seu labor pedagóxico impartindo cursos e seminarios desa especialidade. Toca con diferentes formacións en festivais de jazz por toda a xeografía nacional así coma en diferentes salas e clubes do país.
O ourensán Ton Risco comezou os seus estudios de batería e percusión con Fernando Martínez-Risco. En 1998 recibiu clases en Madrid do batería de jazz Pedro López. En 1999 é aceptado na Escola de Altos Estudios Musicais de Galicia, e no Real Conservatorio da Haia (Holanda) cos profesores Wim Vos e Aly N'Diaye Rose; e con Erik Ineke e Frits Landesbergen (batería e vibráfono) no departamento de jazz. Licénciase en 2004 e 2006 en Percusión Clásica e Vibráfono de Jazz, respectivamente. Na actualidade é profesor de percusión do Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela á vez que desenvolve a súa carreira concertística como membro de “Odaiko Percussion Group” e traballando no proxecto “Dúo” co pianista asturiano Jacobo de Miguel.














