As Bibliotecas Municipais ofrecen cursos intensivos sobre ferramentas tecnolóxicas
As Bibliotecas Municipais da Coruña abren unha nova liña de cursos para os vindeiros tres meses que pretenden dar resposta a aspectos moi concretos do interese cidadán polas novas tecnoloxías: redes sociais, correo electrónico, teléfonos móbiles, etc. Trátase de cursos intensivos de curta duración (normalmente dúas xornadas) cuxa intención é que o alumno amplíe e desenvolva os seus coñecementos das últimas ferramentas sociais, tamén coñecidas como Internet 2.0. Estes cursos desenvólvense na maioría das bibliotecas municipais da Coruña e o prazo de inscrición comeza o 29 de xaneiro. Estas son as propostas formativas:
1. CURSOS INTERNET 2.0
1.1. Redes sociais (Avanzado): para persoas interesadas en unirse ás redes sociais utilizando sistemas de participación vía Internet. A inscrición é online cun aforamento de 12 persoas. Duración: 4 horas repartidas en 2 sesións de 2 horas cada unha. O obxectivo é dotar o alumno das competencias necesarias para crear e xestionar un espazo persoal dentro dun sistema de redes sociais.
1.2. Correo Web (Avanzado): para persoas cun coñecemento previo de informática e Internet. A inscrición é online cun aforamento máximo de 12 persoas. Duración: 5 horas repartidas en 2 sesións de 2.30 horas cada unha. O obxectivo é coñecer en profundidade todas as posibilidades e facilidades do correo web, unha ferramenta usada nas nosas relacións persoais e laborais.
1.3. Viaxes en Internet (Avanzado): para persoas cun coñecemento previo de informática e Internet. A inscrición é online cun aforamento de 12 persoas. Duración: 6 horas repartidas en 2 sesións de 3 horas cada unha. O obxectivo é dar a coñecer os recursos en liña para unha excelente planificación e xestión dunha viaxe turística ou de traballo.
1.4. Procura de traballo en Internet (Avanzado): para persoas interesadas en atopar ou mellorar o seu posto de traballo. A inscrición é online cun aforamento máximo de 12 persoas. Duración: 4 horas repartidas en 2 sesións de 2 horas cada unha. O obxectivo é dotar o alumno das competencias necesarias para buscar empregos adecuados ao seu perfil de formación utilizando ferramentas dispoñibles en Internet.
1.5. Mantemento de computador portátil (Avanzado): para persoas que utilizan o ordenador portátil. A inscrición é online cun aforamento máximo de 12 persoas. Duración: 5 horas repartidas en 2 sesións de 2.30 horas cada unha. O obxectivo é proporcionarlles aos usuarios o coñecemento necesario para un correcto mantemento e optimización dos seus equipos portátiles.
1.6. Álbumnes de fotos on-line (Avanzado): para persoas interesadas en almacenar, xestionar e compartir as súas fotografías. A inscrición é online cun aforamento máximo de 12 persoas. Duración: 4 horas repartidas en 2 sesións de 2 horas cada unha. O obxectivo é dotar o alumno das competencias necesarias para organizar e compartir fotografías e vídeos empregando ferramentas da web.
2. CURSOS FERRAMENTAS TECNOLÓXICAS
2.1. Uso básico do teléfono móbil (Básico): para persoas con dificultades no manexo básico do teléfono móbil. A inscrición é presencial (solicitude escrita) cun aforamento máximo de 6 persoas. Duración: 3.30 horas repartidas en 3 sesións de 1.10 horas cada unha. O obxectivo é dotar de autonomía as persoas con dificultades no manexo do teléfono móbil (especialmente persoas maiores) e mostrar as posibilidades comunicativas da telefonía celular.
2.2. Que fan os nosos fillos en Internet? (Básico) para pais, nais, titores e educadores interesados en coñecer o uso que fai a mocidade das ferramentas e aplicacións que ofrece Internet. A inscrición é presencial (solicitude escrita) cun aforamento máximo de 12 persoas. Duración: 4 horas repartidas en 2 sesións de 2 horas cada unha. O obxectivo é orientar os adultos para educar a mocidade no bo uso dos servizos ofrecidos por Internet.
Para máis información e inscrición en liña, visiten a web das bibliotecas municipais.













