A Coruña Son 2009 remata cun gran concerto final
Mañá sábado 28 de febreiro ás 20:00 no Paraninfo da Universidade da Coruña (edificio do Rectorado, na Maestranza) terá lugar o concerto final co que remata a edición 2009 do obradoiro de cancións A Coruña Son, dirixido polo cantante e compositor Santiago Auserón e organizado polas Concellarías de Cultura e de Mocidade do Concello da Coruña co obxectivo de fomentar, descubrir e promocionar novos autores e autoras de canción popular en galego. O concerto estará conducido pola cantante Uxía Senlle e nel intervirán os creadores e creadoras das dez cancións seleccionadas: Sandrísima (canción Tic-Tac), Sergio Zearreta (Fincapé), Fracasados de antemano (Menezes), Pulpiño Viascón (Quérote na praia do Orzán), Magritte (Alpinista), Supersound (Onde estás), Marisol Manfurada (Instinto básico), Maus vizinhos (Gira caindo), Ángeles Dorrio (O cativo) e La pelvis (Psicomuiñeira). As dez finalistas e todas as cancións que se presentaron ao certame poden ser escoitadas e descargadas na web do certame. A entrada ao concerto é libre até completar o aforo.























