Cinema no Fórum: Retallos de muller
Os cinco candidatos ao Oscar á mellor dirección que se entregarán o vindeiro domingo 22 de febreiro son homes. Pasou o mesmo o ano pasado, e o anterior, e de feito temos que retroceder até a edición de 2003 para atopar unha muller entre as finalistas: a Sofía Coppola de Lost in translation. Antes que ela entraron no quinteto de elixidos polos académicos de Hollywood a neocelandesa Jane Campion por O piano, en 1993, e a italiana Lina Wertmuller por Pasqualino Settebellezze en 1977. Tres mulleres en 81 anos.
Non é mellor a situación no Festival de Cannes. En sesenta e unha edicións a Palma de Ouro só foi parar unha vez ás mans dunha muller, a xa citada Jane Campion polo mesmo filme que a levou aos Oscars. O Festival de Venecia foi algo máis xeneroso: outorgou o Léon de Ouro a Mira Nair en 2001 (A voda do Monzón), a Agnès Vardá en 1985 (Sans toit ni loi) e a Margarethe von Trotta (Die bleierne Zeit), mentres que Jasmila Žbanić (Grbavica, 2006), Larisa Shepitko (The Ascent, 1977) e Márta Mészáros (Adoption, 1975) son as tres mulleres que recolleron o Oso de Ouro no Festival de Berlín.
Por máis que non lles deamos moita importancia aos premios, a desproporción é tan grande que case sobra calquera comentario. A presenza de mulleres do outro lado da cámara foi e segue a ser moi reducida ao longo da historia do cinema, desde a pioneira Alice Guy-Blaché, cuxa pegada nos primeiros anos do século XX é decisiva na construción da narrativa cinematográfica, até a xeración actual en que a brutal disparidade vai pouco a pouco minorando. Son realmente poucas, é certo, mais esta arte non sería o que é sen o traballo de figuras extraordinarias coma Lotte Reiniger, Leni Riefenstahl, Maya Deren, Marguerite Duras, Věra Chytilová, Barbara Hammer, Chantal Akerman, Claire Denis, Agnes Jaoui, Kathryn Bigelow ou Naomi Kawase.
Catro directoras protagonizan o ciclo Retallos de muller que en febreiro ocupará a Sala Marilyn Monroe e co cal descubriremos novas voces que merecen ser escoitadas.
Sala Marilyn Monroe: Febreiro de 2009
5, 6 e 7: Retratos chinos, de Martine Dugowson
12, 13 e 14: Ninguén me quere, de Doris Dorrie
19, 20 e 21: As mozas da lenzaría, de Bettina Oberli
26, 27 e 28: Cando sobe a marea, de Yolande Moreau e Gilles Porte














