Mañá comeza o Obradoiro de canción popular "A Coruña Son"
Mañá martes 24 de febreiro ás 10:00 no Fórum Metropolitano da Coruña comeza o obradoiro de canción A Coruña Son 2009, organizado polas Concellarías de Cultura e de Mocidade do Concello da Coruña co obxectivo de fomentar, descubrir e promocionar novos autores e autoras de canción popular en galego. Nesta segunda edición do certame o obradoiro volve estar dirixido polo cantante e compositor Santiago Auserón, e nel participarán os creadores e creadoras das dez cancións seleccionadas na primeira fase do certame: Sandrísima (canción Tic-Tac), Capitán Furilo (Pipermint), Fracasados de antemano (Menezes), Pulpiño Viascón (Quérote na praia do Orzán), Magritte (Alpinista), Supersound (Onde estás), Marisol Manfurada (Instinto básico), Maus vizinhos (Gira caindo), Ángeles Dorrio (O cativo) e La pelvis (Psicomuiñeira). Todas as cancións poden ser escoitadas e descargadas na web do certame.
O obradoiro celébrase en sesións de mañá e tarde no auditorio do Fórum Metropolitano. Polas mañás de 10 a 14 horas Santiago Auserón impartirá unha clase teórica e logo traballará directamente cos músicos na análise da métrica, patróns rítmicos e melodías das cancións. Polas tardes haberá conferencias do músico Bieito Romero, fundador de Luar na Lubre (martes de 17 a 20 horas) e Xurxo Souto (xoves de 17 a 20 horas). O mércores todos os participantes en A Coruña Son'09 cuxas cancións non foron escollidas como finalistas poderán pasar polo Fórum para escoitar a valoración e os comentarios de Santiago Auserón. Todas as persoas interesadas en asistiren coma oíntes ao obradoiro poden facelo enviando un correo electrónico co seu nome e un teléfono de contacto a este enderezo.
“A Coruña Son 09” remata o vindeiro sábado 28 de febreiro ás 20 horas co concerto final que terá lugar no Paraninfo da Universidade da Coruña (edificio do Rectorado, na Maestranza).














