O sábado 21 de febreiro actúa no Playa Club unha das lendas da música xamaicana, Linval Thompson. O concerto está organizado pola Asociación Cultural Coruñesa Negus e conta co patrocinio da Concellería de Cultura do Concello da Coruña. Será o seu único concerto en Galicia dentro da xira "GHETTO LIVING" EUROPEAN TOUR 2009. O prezo das entradas é de 10 € en venta anticipada (Portobello, Discos Nonis; Ferrol: Discos M4; Santiago: GONG Discos; Vigo: HONKY TONK) e 12 € nas billeteiras.
Linval Thompson, de verdadeiro nome Linval Spencer, naceu en Kingston, Xamaica en 1959 e hoxe é considerado un dos máis importantes artistas da escena reggae mundial. Colaborou coa maioría dos grandes produtores xamaicanos, nun principio como cantante de "The Luminaries", con Augustus Pablo (Natty Dread A Pressure Dem) e Lee Perry (Kung Fu Man), e despois como produtor de artistas como Wailing Souls, Freddy McGregor ou Barrington Levy. Linval Thomsom fixo moito polo reggae nestas tres últimas décadas. A súa voz persoal traspasou as fronteiras e descuberto novos estilos, é coñecido como o compositor de himnos e cancións roots: Cool Down Your Temper e Don´t Cutt Off Your Dread Locks son os seus hits máis recoñecidos, sen esquecer que foi un dos produtores pioneiros dos comezos do Dance-Hall xunto a Juanjo Lawes, creador do selo Volcano. Despois dun longo retiro en Xamaica volve pisar os escenarios europeos máis importantes, demostrando que a súa forza e voz seguen intactas.
Polo escenario do Playa pasará tamén Lone Ark Riddim Force, a banda liderada polo cantante e produtor Roberto Sánchez (A-Lone Productions). Despois de numerosos discos, actuacións en directo e ser a backing band de Earl Sixteen, Alton Ellis, Kiddus I, Earl Chinna Smith, Alpheus e Horace Martin entre outras grandes figuras da escena xamaicana, Lone Ark Riddim Force comeza o ano da man de Linval Thompson. O seu propio son "roots" fai desta banda aclamada por todos os artistas cos que traballou unha das máis competitivas na escena europea.
MySpace de Linval Thompson
MySpace de Lone Ark Riddim Force