Cinema no Fórum: Buñuel francés
Durante varias décadas Luis Buñuel foi o director español por excelencia, o máis célebre en todo o mundo, o que ocupaba máis páxinas nos libros e nas revistas. Segue a ser o único na historia en levar a Palma de Ouro en Cannes (por Viridiana) e o León de Ouro en Venecia (por Belle de jour), e foi o primeiro en levar un Oscar (con Le charme discret de la bourgeoisie). Pouco despois de que recibise o premio da Academia un grupo de cineastas preparoulle unha homenaxe na casa de George Cukor. Foi unha cea histórica que reuniu na mesma mesa a John Ford (poucos meses antes de morrer), Alfred Hitchcock, George Stevens, Rouben Mamoulian, William Wyler, Billy Wilder, Robert Wise e Robert Mulligan, ademais do propio Cukor e o aragonés. Aquela memorábel xuntanza supuña o recoñecemento definitivo de Buñuel coma “un dos grandes” e dela quedou como recordo unha lendaria instantánea que acabaría inspirando catorce anos despois unha retrospectiva no Festival de Donostia, Los chicos de la foto.
Luis Buñuel é un tótem, unha referencia poderosa na cultura do estado, e porén segue a ser un cineasta insuficientemente revisado, autor de películas nalgúns casos máis comentadas que vistas. Aínda hoxe a filmografía do xordo de Calanda é coñecida de maneira moi parcial pola maior parte dos espectadores, e xunto a títulos míticos coma Un perro andaluz, La edad de oro, Los olvidados, Nazarín, El ángel exterminador ou Simón del desierto aparecen outros cuxa difusión foi escasa e irregular, por exemplo a maioría dos que fixo en México nos anos corenta e cincuenta (El gran calavera, Él, Ensayo de un crimen ou El río y la muerte) ou as súas dúas incursións na industria estadounidense, Robinson Crusoe (1954), cun protagonista, Dan O'Herlihy, que chegou a ser candidato aos premios da Academia de Hollywood, e The Young One (1960).
A Sala Fernando Rey -non podía ser outra- acolle un ciclo dedicado ao Buñuel francés, unha etapa marcada pola súa colaboración co produtor Serge Silberman e o escritor Jean-Claude Carrière, coguionista dos cinco filmes que poderemos ver durante o mes de marzo e a primeira semana de abril.
Sala Fernando Rey: Marzo 2009
5, 6 e 7: Le journal d’une femme de chambre (Diario dunha camareira)
12, 13 e 14: Le fantôme de la liberté (O pantasma da liberdade)
19, 20 e 21: Le charme discret de la bourgedisie (O discreto encanto da burguesía)
26, 27 e 28: Cet obscur objet du désir (Ese obscuro obxecto do desexo)
2, 3 e 4 de abril: Belle de jour (Bela de día)














