Cinema no Fórum: Cinema e cidade

Un mozo americano, Jesse (Ethan Hawke), e unha estudante francesa, Celine (Julie Delpy), coñécense nun tren e deciden pasar unhas horas xuntos en Viena, coa chegada dun novo día como límite para a súa relación. Ese era o argumento de Before sunrise de Richard Linklater, unha delicia que nos sorprendeu alá polo ano 1995. O filme Before sunset reunía unha década despois á mesma parella en París para presentarnos aos dous protagonistas xa máis maduros e experimentados recuperando o tempo perdido mentres paseaban pola cidade do Sena e falaban e falaban sen parar.

París é un tópico cinematográfico, o lugar ao que escapan os mozos e mozas americanos para atopar o seu lugar no mundo, como facía a Sabrina encarnada por Audrey Hepburn no lendario filme de Billy Wilder. Non é a única ocasión en que Audrey visitou París: volveu alá en Funny face, en Love in the afternoon e sobre todo en Charade, acompañada por un Cary Grant que mudaba de identidade cada poucos minutos; mais non é esa a única cidade asociada á súa filmografía, porque... quen non quixo coñecer a capital de Italia despois daquelas Vacacións en Roma, ou ir a Nova York ao ver a Holly Golightly tomando un almorzo diante do escaparate dunha xoiaría?

Bos Aires en Happy together (Wong Kar-wai, 1997), Kuala Lumpur en I don't want to sleep alone (Tsai Ming-Liang, 2006), Nova Delhi en Monsoon wedding (Mira Nair, 2001), México D.F. en Batalla en el cielo (Carlos Reygadas, 2004), Taipei en Millenium Mambo (Hou Hsiao-Hsien, 2001), a Bamako do filme homónimo de Abderrahmane Sissako, a Lisboa dos de Pedro Costa... a memoria dos cinéfilos está inzada de espazos urbanos inesquecíbeis, amosados ás veces sen piedade, mais cheos de vida en calquera caso. De cidades e de espazos urbanos vai o ciclo que en abril ocupará as salas do Fórum Metropolitano con catro obras mestras que nos levarán á Viena da posguerra na que se cociñaban negocios turbios (The third man, 1949), á Roma pasada pola peneira da imaxinación desbordada de Federico Fellini (Roma, 1972), a París para gozar cos personaxes que se entrecruzan conducidos pola man maxistral de Jacques Rivette (Va savoir, 2001) e a Estrasburgo para seguir os pasos dun home novo na procura dunha muller que coñeceu anos atrás (En la ciudad de Sylvia, 2007).

Sala Fernando Rey:
16, 17 e 18 de abril The third man de Carol Reed.
23, 24 e 25 de abril Roma de Federico Fellini.

Sala Marilyn Monroe:
16, 17 e 18 de abril Va savoir, de Jacques Rivette.
23, 24 e 25 de abril En la ciudad de Sylvia de José Luis Guerin

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

6 Comments for “Cinema no Fórum: Cinema e cidade”

Trackbacks

  1. 1. » Cinema no Fórum: O terceiro home
  2. 2. » Cinema no Fórum: O terceiro home
  3. 3. » Cinema no Fórum: Va savoir
  4. 4. » Cinema no Fórum: Va savoir
  5. 5. » Cinema no Fórum: Roma
  6. 6. » Cinema no Fórum: Roma

Leave a comment

Cannot get file list: '/var/www/mapa/wp-content/plugins/SK2/sk2_plugins/' is not a valid folder path