O Houston Ballet, hoxe no Rosalía
Dentro da súa xira europea, o Houston Ballet recala no Teatro Rosalía Castro hoxe mércores 22 de abril para presentar catro das súas máis afamadas coreografías: Mediaeval Baebes, Só, Hush e Nós.
Houston Ballet é unha das principais compañías de danza nos Estados Unidos. Fundada en 1969 baixo a dirección de Nina Popova, na actualidade está integrada por 54 bailaríns, que inclúen artistas premiados a nivel internacional.
De1979 a 2003, a dirección artística do ballet correu a cargo de Ben Stevenson quen sentou as bases do esplendor que vive actualmente esta agrupación na que se formaron grandes estrelas como Janie Parker, Li Cunxin, Carlos Acosta e Lauren Anderson.
Actualmente, as redes da compañía están nas mans do coreógrafo australiano Stanton Welch que é un dos máis solicitados da súa xeración e que creou ballets para tan prestixiosas compañías internacionais como San Francisco Ballet, American Ballet Theatre, The Australian Ballet, Birmingham Royal Ballet no Reino Unido, e Royal Danish Ballet. Stanton Welch apostou por unha liña contemporánea e arriscada como pon de manifesto a súa versión d'O lago dos cisnes e a súa creación Divergence. Houston Ballet realizou actuacións en Moscova, Londres, Washington, Os Angeles, Hong Kong, Ottawa ou Montreal, nos seus teatros máis representativos, coma o Bolshoi, o Kennedy Center de Washington ou o New York City Center.














