O ceo de xuño

luns, 1 xuño 2009, 0:30 | Category : astronomía, ciencia
Tags : ,

guia-do-ceo-xuno-2009-blog
Mapa do ceo do mes de xuño: [descargar]

Xuño é un mes importante astronomicamente falando, pois prodúcese nel o solsticio de verán no Hemisferio Norte. Este ano será o día 21 ás 05:45h UTC (07.45h hora local). Ese día o Sol acada a máxima altura sobre o horizonte ao mediodía e polo tanto é o día máis longo do ano.

O día 5 Venus acada a súa máxima elongación oeste (45,8º), e oito días despois fai o propio Mercurio (23,5º), planeta que é observábel un pouco antes do amencer. O día 22 hai unha interesante conxunción Venus-Marte. Este último é visíbel perto das Pléiades, aínda lonxe do seu mellor momento.

Unha constelación típica deste mes é Hércules, guerreiro mitolóxico que mereceu a súa representación no firmamento nocturno. Está constituída por un grupo de estrelas non moi destacadas, pero si co mesmo brillo aparente, que conforman un trapecio na súa parte central, moi fácil de distinguir, entre as estrelas Vega e Arcturus. En Hércules sobresae un obxecto de ceo profundo, visíbel con prismáticos como unha estrela borrosa. Falamos de M13, un gran Cúmulo Globular formado por centos de miles de estrelas a uns 25.000 anos luz de distancia de nós. Outra constelación curiosa e fácil de ver en xuño é Ophiuchus (o Serpentario). O Sol, no seu movemento aparente contra o fondo estrelado, atravesa esta constelación uns días ao ano, polo que a todos os efectos é unha das trece, e non doce, constelacións do zodíaco. Nesta rexión poden verse varios cúmulos globulares, pero non tan rechamantes coma M13.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Leave a comment