Cinema no Fórum: No camiño

mércores, 3 xuño 2009, 17:30 | Category : cinema
Tags : ,

“Todas as viaxes son un regreso". Viaxamos para contalo, “para facer da viaxe relato”, segundo nos conta Xabier P. DoCampo na súa obra máis recente, a memorábel O libro das viaxes imaxinarias; para descubrir e para logo descubrirlles aos demais aquilo que vimos e aprendimos, outras paisaxes e outros rostros diferentes dos que nos son comúns. “Viaxar” non é simplemente “ir a outro sitio”; é unha experiencia máis profunda e transformadora que consiste en mirar o outro para entendernos e recoñecernos a nós mesmos.

O cinema gustou das viaxes desde as súas orixes, cando era pouco máis que un xoguete científico que servía entre outras cousas para amosarlles o mundo aos abraiados espectadores. Mesmo acabou por nacer un subxénero específico, a road movie, do que achamos ecos ao longo de toda a historia do cinema mais que se fixo claramente visíbel nos últimos trinta ou corenta anos. É lóxico: unha viaxe en coche é unha magnífica escusa argumental para pechar a varios personaxes nun espazo reducido e obrigalos a falar e mergullar nos seus recordos, ideas e ilusións. A máis quilómetros de estrada, máis vida compartida, máis amizade, ou máis odio e máis xenreira, emocións en calquera caso humanas e polo tanto moi cinematográficas. A road movie é ademais un xénero barato, que en xeral pode resolverse sen apenas decorados e con poucos actores, circunstancia esta que encaixa ben coas limitacións orzamentarias de certo cinema independente que non por casualidade botou man do asfalto en numerosas ocasións. A falta de medios pode suplirse coa espectacularidade dos grandes escenarios naturais e o gusto natural por desprazarnos; a fin de contas, e como xa dixen algunha outra vez, ir en coche ou en tren é como vivir dentro dun travelling: o paraíso para un cinéfilo.

A Sala Fernando Rey ponnos no camiño este mes de xuño, empezando por unha viaxe ao ritmo que marca o motor dunha segadora, o que fai o Alvin Straight de Unha historia verdadeira, disposto a cruzar medio país para se reencontrar cun irmán enfermo nunha obra mestra dirixida por David Lynch. Tamén a viaxe iniciática nunha escangallada motocicleta emprendida por dous amigos, Alberto Granado e Ernesto Guevara de la Serna, varios anos antes de se convertir no “Che”, o mítico líder revolucionario cuxa xuventude e toma definitiva de conciencia explora con vigor e entusiasmo Walter Salles en Diarios de motocicleta. Necesariamente crepuscular é o traxecto que fan catro persoas coa urna que contén as cinzas doutro amigo morto en Last orders, cun memorábel reparto e a eficaz dirección de Fred Schepisi. Para rematar, Transamerica, ou de como atravesar os Estados Unidos na compaña dun fillo cuxa existencia descoñecías.

Sala Fernando, ciclo No camiño
4, 5 e 6 de xuño: The straight story, de David Lynch
11, 12 e 13 de xuño: Diarios de motocicleta, de Walter Salles
18, 19 e 20 de xuño: Last orders, de Fred Schepisi
25, 26 e 27 de xuño: Transamerica, de Duncan Tucker

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

2 Comments for “Cinema no Fórum: No camiño”

Trackbacks

  1. 1. » Cinema no Fórum: Last orders
  2. 2. » Cinema no Fórum: Last orders

Leave a comment

Cannot get file list: '/var/www/mapa/wp-content/plugins/SK2/sk2_plugins/' is not a valid folder path