Cinema no Fórum: Sorrisos europeos
Un tópico estendido entre moitos espectadores asocia tradicionalmente o cinema europeo cunha certa tendencia a falar de cuestións transcendentes e a tratalas con severidade, cun ton grave afastado do espírito frívolo e popular que segundo esa visión caracterizaría ao cinema norteamericano, sempre máis apegado aos gustos masivos. Isto é falso, por suposto, como acontece sempre cos tópicos e xeralidades. O vello continente riu e moito desde que existe o cinema, e de feito non é preciso rebuscar demasiado na memoria para atopar non xa filmes soltos, senón etapas completas entregadas con incríbel fortuna ao xénero da comedia. Un dos momentos máis brillantes do cinema inglés foi o do esplendor da Ealing, a lendaria produtora que despois da Segunda Guerra Mundial deu pé a unha longa serie de alfaias que facían do humor a súa seña de identidade, con fitos coma Pasaporte para Pimlico, Oito sentencias de morte ou The ladykillers, obras que probaban ademais as excepcionais virtudes interpretativas de xenios coma Alec Guinness ou Stanley Holloway.
En Italia a comedia viviu unha idade de ouro pola mesma época, superando os vicios escapistas do cinema de teléfonos brancos doutrora para reflectir tamén as pequenas miserias e contradicións dun país en crise permanente. Filla do neorrealismo, a Commedia all'italiana deu infinidade de froitos extraordinarios nas décadas dos cincuenta, sesenta e setenta, coa participación de actores e actrices en estado de graza -Marcello Mastroianni, Vittorio Gassman, Alberto Sordi, Ugo Tognazzi, Sophia Loren, Stephania Sandrelli, Claudia Cardinale, Monica Vitti- e a dirección de mestres coma Pietro Germi, Mario Monicelli ou Luigi Comencini, sen esquecer o colosal Vittorio de Sica e o intenso pouso lúdico de varias das propostas de Federico Fellini. E que dicir do cinema español, ou do francés, e mesmo os Sorrisos dunha noite de verán de Ingmar Bergman? Alén de todos estes exemplos do pasado, a comedia en Europa segue a ser hoxe un asunto moi vivo -e moi serio!-, como poderemos comprobar este mes de xuño na Sala Marilyn Monroe.
Sala Marilyn Monroe, ciclo Sorrisos Europeos
4, 5 e 6 de xuño: Emma's glück, de Sven Taddicken
11, 12 e 13 de xuño: Du Leande, de Roy Andersson
18, 19 e 20 de xuño: Mon meillieur ami, de Patrice Leconte
25, 26 e 27 de xuño: Irina Palm, de Sam Garbarski















2 Comments for “Cinema no Fórum: Sorrisos europeos”
Trackbacks