Presentouse o CD Tradicción, a música de Pedro Lamas para o espectáculo de Nova Galega de Danza
Onte presentouse en La Postrería o CD Tradicción, traballo de Pedro Lamas creado para o espectáculo homónimo de Nova Galega de Danza. Tradicción pecha unha triloxía da que tamén forman parte Alento e Engado, tres funcións que fusionaban a música galega e a danza desde unha perspectiva contemporánea e vangardista. O éxito de Tradicción vén avalado polo recente Premio de Ciencias e Artes da Representación 2009 outorgado pola Fundación Premios da Crítica de Galicia.
Editado por Falcatruada, o disco Tradicción rende tributo aos profesionais que difunden a música popular. Ademais de Pedro Lamas participan no disco Ricardo Rozas (guitarra), Xabier Díaz e Toño Domínguez (voz, gaita e percusión), Suso Iglesias (acordeón), Juan Collazo (vibráfono e percusión tradicional) e Miguel Queixas (batería), coa colaboración de Guillerme Fernández nas mesturas. O produto está xa á venda en tendas físicas e virtuais e pódese escoitar a través de diferentes servizos de streaming.














