Novos módulos divulgativos no Aquarium Finisterrae

Con ocasión do Ano Darwin 2009 e do 10º aniversario da súa apertura ao público o Aquarium Finisterrae presenta un conxunto de novos módulos sobre evolución mariña. A intervención supón a primeira renovación importante dos contidos da Sala Maremagnum, onde están instalados catro deles. Nesta ocasión, o tema elixido, Darwin e o Mar, fai homenaxe ás achegas do naturalista xurdidas das súas observacións durante a viaxe a bordo do Beagle, como é a súa teoría sobre a formación dos arrecifes de coral. Tamén fai especial fincapé nas numerosas especies de transición -os chamados popularmente elos perdidos- entre diferentes grupos de animais, moitos dos cales son mariños.
Seguindo a formulación museográfica da sala, os contidos dos cinco módulos responden a outras tantas preguntas elixidas entre as que formulan os escolares. Trátase, unha vez máis, de manter o compromiso expositivo dos Museos Científicos Coruñeses con aquelas cuestións que suscitan o interese dos seus visitantes:
- Cantas especies mariñas hai no mundo?
- Por que hai tantas clases diferentes de peixes?
- Cando apareceron os primeiros peixes?
- Existirán peixes que ademais de aletas tivesen patas, para poder saír do mar?
- Que clase de ser vivo é o coral?

Un dos módulos máis espectaculares desta exposición é o tanque cilíndrico de gran volumen, no que se representa un ecosistema litoral, e no que o nivel de auga baixa e sobe cada catro horas simulando as mareas, un tipo de instalación acuariolóxica que é pioneira entre os acuarios españois.














