Video Killed the Radio Star foi unha marabillosa canción editada a finais dos 70 que chegou a alcanzar o número un durante mais dun ano nas listas de todo o planeta. Interpretada pola banda británica The Buggles, o tema transcendeu a nivel mundial principalmente polo seu vídeo clip, un traballo dirixido polo cineasta australiano Russell Mulcahy (director de Os Inmortais, con Christopher Lambert) que foi o primeiro vídeo musical emitido pola cadea norteamericana MTV no ano 1981, exactamente o 1 de agosto. Tanto a canción coma as imaxes do vídeo facían referencia a unha vella estrela da radio que ve como os seus días de gloria rematan debido á proliferación dos soportes videográficos.
Pareceunos moi axeitado e mesmo irónico bautizar esta I Mostra de Vídeo Clips Cidade da Coruña co título do mítico clip, basicamente porque nos tempos actuais a sorte que corre a exhibición destas obras nos grandes medios de comunicación é cando menos dispar. Hoxe en día resulta tarefa case imposible atopar un espacio en calquera cadea televisiva da península, onde se poida disfrutar destas pezas cunha certa normalidade, en cambio proliferan en internet, bares, locais de ocio, autobuses, etc… e dicir, o vídeo clip esta na rúa as 24 horas do día formando parte das nosas vidas, e exceptuando canais específicos de televisión (maiormente de pago) e algún evento puntual, estas obras que nos últimos tempos están a reflexar á perfección este instante de democratización da técnica audiovisual e que xeneran nalgúns casos aportacións artísticas dunha inusitada calidade e frescura, están a pasar practicamente desapercibidas para os “mass media”.
Decidimos centrar este evento no panorama musical e audiovisual galego porque somos conscientes da existencia de gran cantidade de obras que merecen saír á luz na nosa comunidade, e porque cremos tamén na necesidade de aumentala oferta cultural galega e o tempo ser escaparate e punto de encontro dos profesionais do sector desta tendencia creativa que a pesar de todo, e debido principalmente ao seu carácter industrial (un vídeo clip non deixa de ser o spot publicitario dunha canción) atópase sempre en continuo movemento, e en parte por esta inmediatez, convértese nun xénero secretamente envexado por outras propostas artísticas con pretensións de maior funcionalidade social.
O vídeo clip, aínda que nado coma neto do cine e irmá pequeno da televisión, antóxasenos na actualidade coma fundamental soporte da producción musical de artistas e empresas galegas. É –por tanto- preciso, que vaia recuperando ese lugar propio e mais que merecido que ostentaba nun pasado non tan afastado. Facer que eso sexa unha realidade é a nosa verdadeira é única motivación.
A organización da I Mostra de Vídeo Clips Cidade da Coruña
A I Mostra de Vídeo Clips Cidade da Coruña celebrarase na nosa cidade do luns 29 de xuño ao venres 3 de xullo. Iremos dando máis información sobre a programación e contidos ao longo dos próximos días.