O Salón Internacional do Cómic da Coruña Viñetas desde o Atlántico, que se desenvolverá entre os días 10 e 16 de agosto, alcanza a duodécima edición combinando o repaso pola historia do cómic-book americano coa presenza de singulares autores como a inglesa Posy Simmonds, o francés André Juillard ou o italiano Vittorio Giardino. Posy Simmonds é ilustradora de The Guardian e autora das novelas gráficas Gemma Bovery que supuxo no seu momento toda unha revolución formal ao mesturar, nunha historia longa, linguaxes diferentes: a narración, esto é o texto puro e duro, a ilustración e as viñetas.
A organización de Viñetas desde o Atlántico tentou en moitas edicións anteriores atraer até A Coruña ao francés Juillard e ao italiano Giardino. Nesta edición, ao fin, as axendas destes consagrados autores permitírono. André Juillard é autor de As sete vidas do Gavilán. O seu creador traballa tanto no rexistro histórico como o cómic máis intimista. Vittorio Giardino é autor da triloxía Non pasarán, unha obra ambientada na guerra civil española na que realiza unha radiografía do conflito a través da mirada distante dun axente secreto enfrascado nunha guerra que non é a súa.
Ademais, esta décimo-segunda edición de Viñetas contará con outro prato forte, a presenza dun teórico do cómic, o americano Scott McCloud, un dos expertos máis reputados con ampla bibliografía sobre o proceso creativo neste xénero. A súa obra máis difundida neste ámbito é Entender o cómic, unha peza teórica que fala sobre a linguaxe do cómic, os seus inicios e as súas claves, utilizando o propio formato do xénero.
As salas de Viñetas tamén terán cabida para dous galegos que triunfan na actualidade no mundo da banda deseñada no mercado americano: Emma Ríos e Alex Cal que estarán cos seus seguidores no marco deste Salón do Cómic.
No capítulo de invitados, ademais, Viñetas desde o Atlántico contará coa presenza de Paco Roca, o autor do premiado Arrugas que o pasado ano non puido acudir á súa cita neste Salón en cuxo marco se expuñan os orixinais do citado álbum que se achega con formas exquisitas á dura realidade do alzheimer.
Inmersión na historia do cómic book americano
Unha exposición excepcional. Comisariada por Jaume Vaquer, chega a Viñetas unha mostra procedente dun coleccionista privado que permite repasar exhaustivamente a historia do cómic-book americano máis tradicional e clásico, percorrendo para iso catro décadas, desde os gloriosos 50 até principios dos 90. Trátase sen dúbida da mellor colección sobre cómic americano que chega ao noso país por primeira vez. Viñetas, ademais, quixo dar unha lectura especial a esta mostra, convidando a vela desde a perspectiva dos seus guionistas.
Feira da Historieta e salas de exposición
O Paseo de Coches dos Xardíns de Méndez Núñez volve ser o espazo de referencia das editoriais. Decenas de casetas porán á venda as últimas novidades editoriais nun recinto ao que se accederá a través dunha enorme arcada vestida con xigantescas lonas ilustradas. Nesta ocasión, ademais, a feira contará cunha carpa na que os editores poderán realizar presentacións das últimas publicacións e organizar encontros cos seus autores.
Os espazos expositivos do salón serán, como en anteriores edicións, o Kiosco Alfonso, a Sala Municipal de Palexco, a Sala de exposicións da Biblioteca Salvador de Madariaga, en Durán Loriga, o Palacio de María Pita e o Aquarium.
O autor do cartel que dá imaxe a Viñetas 2009 é Daniel Acuña, quen trae até a contorna de A Torre de Hércules un barco cheo de piratas “moi monos”. Nestes días, ademais, a familia de figuras do cómic que tomarán a cidade crece, sumando un superheroe dos de andar por casa: SuperLópez aterra na Coruña.