Son de noite: concerto de Carmen Rey

Esta banda nace co fin de cristalizar a música de Carmen Rey nun disco, MEU, que viu a luz en novembro de 2007; un traballo que representa as inquedanzas da compositora tanto musicalmente como na súa faceta de letrista. A súa longa traxectoria dentro do jazz e da música negra en xeral está reflectida na súa totalidade neste disco enriquecido coas influencias dos músicos cos que realizou os arranxos: Miguel Cabana na batería, Rubén Appratto no baixo, Tito Calviño na guitarra e Sergio Delgado nos teclados conseguen que a forza e a expresividade da voz de Carmen Rey resalte todavía máis usando como vehículo lingüístico principalmente o galego. Para os directos contan coa forza de dúas grandes voces, Aixa Romay e Ángeles Dorrio, que se fan cargo dos coros.
A banda de Carmen Rey tocará hoxe venres 10 de xullo no Castelo de San Antón dentro do ciclo Son de noite. Será a partir das 23 horas, con entrada de balde.














