Son de noite: concerto de Roi Casal
A música tradicional, a poesía e a vangarda dun estilo musical ligado a Galicia fusiónanse en Roi Casal dunha forma natural e harmónica, sen imposicións e sen modas. Nace así Lendas Douradas, resultado dun proceso de interpretación da cultura dun país baixo a perspectiva dun cidadán do século XXI. Un disco para unha nova xeración de galegos e galegas que ven no feito diferencial de todas as culturas do mundo o meirande tesouro que posúe a humanidade.
Lendas Douradas recolle 12 temas maioritariamente cantados e compostos por Roi Casal, que dende o ano 2000 forma parte de Milladoiro e se abre agora un nome propio cun disco que nace dun coidado estudo das composicións tradicionais e da poesía galega onde se aposta polo idioma de noso como soporte fundamental.
O concerto de Roi Casal terá lugar o venres 17 de xullo a partir das 23 horas no Castelo de San Antón. A entrada é de balde.














