O director Miguel Gomes presenta hoxe no CGAI Aquele querido mês de agosto
O cineasta portugués Miguel Gomes (Lisboa, 1972) presenta hoxe xoves día 30 de xullo ás 20.30 horas no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI, Rúa Durán Loriga, 10 baixo, A Coruña) a súa película Aquele querido mês de agosto (2008) nun coloquio moderado polo crítico Martin Pawley. Obxecto dunha retrospectiva sobre a súa obra durante este mes -dúas longametraxes e seis curtas- a súa traxectoria aparece avalada éste ano polo éxito crítico na Quincena de Realizadores do Festival de Cannes e polos premios no BAFICI de Bos Aires, o Festival de Las Palmas e máis recentemente no Filminho. Ao mesmo tempo, o CGAI concedeulle carta branca, liberdade de elección a Gomes para que presentase toda unha serie de títulos portugueses que tivesen que ver dunha ou doutra forma co seu cine, uns por relación directa -mesmo en ocasións con firmes afinidades profesionais-, outros porque representan o cine portugués no que Gomes, por distintas razóns, se recoñece. A entrada ao acto de hoxe é gratuíta.














