Monólogos de Carlos Blanco, Avelino González e Cándido Pazó no Fórum Metropolitano
Hoxe, mañá e pasadomañá no Fórum Metropolitano teremos ocasión de escoitar a tres grandes monologuitas galegos: Carlos Blanco, Avelino González e Cándido Pazó. As súas actuacións terán lugar os tres días a partir das 21 horas, e a entrada é de balde. Detallamos a seguir o programa desta actividade:
Martes 4 de agosto: CARLOS BLANCO
Autor, director, actor, monologuista, conta cunha ampla traxectoria teatral e é un dos actores galegos máis coñecidos. Como actor foi durante 3 anos parte do elenco Mareas vivas e participou en longametraxes como O lápis do carpinteiro e O alquimista impaciente. Como autor conta con varios guións escritos para Mareas vivas. Como monologuista destacamos que foi finalista do concurso El club de la comedia 2003 co monólogo titulado Guirilandia.
Mércores 5 de agosto: AVELINO GONZÁLEZ
Actor, director e autor teatral comezou a súa carreira na compañía A Farándula (Vigo) ata a súa desaparición. Fundador de Tranvía Teatro e Ollomol Tranvía é un home consolidado no noso panorama escénico. Participou en varias películas e conta con numerosas intervencións en series e programas de televisión. No seu repertorio como contador atoparemos historias verdadeiras e falsas, oídas e inventadas, tenras, graciosas, picantes, subversivas...
Xoves 6 de agosto: CÁNDIDO PAZÓ
Autor teatral, guionista de televisión e director de escea con numerosos espectáculos estreados, entre os que destacan: O Merlo branco (Premio Xeración Nós, 1989), Ñiqui-Ñaque (Premio Max ao Mellor Texto Galego, 2002), ou Bicos con lingua (Premio María Casares, 2004). É un dos referentes da nosa cultura, tanto como contador como autor teatral.














