Concertos de AÍD e Wöyza no Fórum Metropolitano
Os dous concertos celebraranse no Fórum Metropolitano dentro do ciclo FórumRap, con entrada gratuíta.
Martes 18 de agosto, 20:30: AÍD
Viguesa nacida en 1990, a súa afición a escribir e o seu espíritu expresivo fixo que empezara a crear os seus primeiros tema no 2003. Empeza a ser coñecida ao ano seguinte, ao seren difundidos catro temas seus a través de Internet. En 2008 colle forma Licor Kafé, un proxecto musical que embarca a 040 (Solemne & Zentinela), Wöyza, Aíd e El Puto Coke na produción. Ese mesmo ano Aid foi elixida gañadora do festival Heineken Greenspace en Valencia, superando aos máis de 1300 grupos que se presentaran; convertiuse así non só na primeira rapeira gañadora senón tamén na artista máis nova en triunfar no certame. En 2009 abandona Licor Kafé e sae á rúa o seu primeiro disco, Jugando.
Mércores 19 de agosto, 20:30: WÖYZA
Artista de hip-hop, soul e R&B de raíces uruguaias mais formada en Vigo. Bob Marley e Aretha Franklin foron as súas primeiras influencias; logo veu o rap. En 2002 e con 18 anos coñeceu ao que até hoxe segue a ser o seu produtor musical, El Puto Coke. Wöyza acaba de rematar o seu primeiro disco, Pisando el suelo que ves, que na primeira semana conseguiu superar a cifra de 10000 descargas na súa web e outras páxinas dedicadas ao hip-hop. Colaborou nos últimos álbums dos prestixiosos grupos portugueses Mind da Gap e Dealema e en paralelo á súa carreira en solitario pertence ao grupo galaico-portugués Imperio Norte.














