Cinema no Fórum: Estreas en V.O.

Comeza unha nova tempada de cinema na Sala Marilyn Monroe, e faino cumprindo un dos obxectivos prioritarios da programación do Fórum Metropolitano: recuperar filmes actuais que os coruñeses e coruñesas non puidemos ver nas salas comerciais, co privilexio engadido de disfrutalos na súa versión orixinal.

Abre o ciclo Estreas en V.O. o último traballo do francés nacido en Túnez Abdellatif Kechiche, que con só tres filmes parece terse convertido nunha das figuras máis aprezadas da industria francesa, alguén capaz de concitar o aprezo do público e da crítica ao mesmo tempo. O seu debut con La faute á Voltaire levouno até o Festival de Venecia, mais foi a seguinte, L'esquive, estreada en España co título La escurridiza, o cómo esquivar el amor, a que o situou definitivamente no mapa ao gañar por sorpresa os premios César ao mellor filme e director nun ano no que competía con títulos de enorme éxito popular coma Os mozos do coro ou de tanto prestixio coma Rei e Raíña de Arnaud Desplechin. O seu triunfo nos César repetiuse este ano con Cuscús (La graine et le mulet), unha brillante mestura de drama familiar e cinema social que se beneficia das excelentes interpretacións de todo o reparto e desemboca nun emocionante final.

O napolitano Paolo Sorrentino fíxose coñecido entre nós en 2004 coa estrea de Le conseguenze dell'amore, un thriller esteticista que participou no Festival de Cannes e obtivo logo en Italia cinco premios David de Donatello, entre eles un para o protagonista, Toni Servillo, con quen repite en Il divo, biografía do político italiano Giulio Andreotti que lle serve ao director para construír un retrato demoledor e satírico sobre as ambigüidades e contradicións inherentes a aqueles que se perpetúan no poder.

A primeira longametraxe de Christopher Zalla, Padre nuestro, participou a concurso no Festival de Donostia 2007 e recibiu unha acollida quizá non entusiasta, mais si cando menos cálida. A dura historia dos inmigrantes mexicanos e a súa loita pola supervivencia nos Estados Unidos acabou facéndose un oco a principios de ano nas candidaturas dos Independent Spirit Awards, que recoñeceron os valores desta obra necesariamente incómoda.

Rematamos o mes co último froito da parella sentimental e creativa que forman Agnès Jaoui e Jean-Pierre Bacri, guionistas da célebre On connaît le chanson de Alain Resnais. Na súa múltiple condición de escritores, intérpretes e no caso de Agnès tamén a de directora, os Jaoui-Bacri lévannos ofrecido abondosas mostras do seu exquisito gusto e do seu talento para facer comedias elegantes. Le goût des autres e a gozosa Comme une image foron dous fitos que teñen continuidade neste Parlez-moi de la pluie que nos permitirá acabar o mes cun sorriso intelixente nos beizos.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

4 Comments for “Cinema no Fórum: Estreas en V.O.”

Trackbacks

  1. 1. » Cinema no Fórum: Padre nuestro
  2. 2. » Cinema no Fórum: Padre nuestro
  3. 3. » Cinema no Fórum: Parlez-moi de la pluie
  4. 4. » Cinema no Fórum: Parlez-moi de la pluie

Leave a comment

Cannot get file list: '/var/www/mapa/wp-content/plugins/SK2/sk2_plugins/' is not a valid folder path