Mostra de Ciencia e Cinema: Sharkwater, un documental sobre tiburóns no Rosalía
Hoxe xoves ás 20:30 no Teatro Rosalía de Castro poderemos ver o documental Sharkwater, dirixido por Rob Stewart en 2006. O filme ofrece visión actual acerca da figura do tiburón e a súa situación, afastándoo da icona creada por Steven Spielberg en "Jaws", que convertiu o tiburón nun monstro para o imaxinario colectivo. Os tiburóns son os animais máis antigos que sobreviviron varias extincións na Terra, e tamén os máis incomprendidos. Son depredadores necesarios para manter o equilibrio ecolóxico no mar e en consecuencia en todo o planeta; porén xa é unha especia en perigo de extinción. Rodado en augas con gran poboación de tiburóns como Cocos Island, Costa Rica e as Galápagos e en moitas outras localizacións, SHARKWATER recolle a explotación e corrupción que hai arredor dos beneficios que dá a súa pesca.
A proxección comezará ás 20:30 e a entrada é libre e gratuíta.
Cinema no Fórum: A caixa de Pandora
O filme A caixa de Pandora de Yesim Ustaoglu, esta semana na Sala Marilyn Monroe do Fórum Metropolitano dentro do ciclo O Oriente máis próximo.
Horario: Xoves 29, 20:15. Venres 30, 20:15 e 22:45. Sábado 31, 17:15 e 20:15.
Cinema no Fórum: Os edukadores
Os edukadores de Hans Weingartner, esta semana na Sala Fernando Rey do Fórum Metropolitano dentro do ciclo Encrucilladas.
Horario: Xoves 29, 20:30. Venres 30, 20:30 e 23:00. Sábado 31, 17:30 e 20:30.
"POESÍA + CIENCIA" na II Mostra de Ciencia e Cinema
Dentro da Mostra de Ciencia e Cinema hoxe mércores ás 20:30 terá lugar no Teatro Rosalía de Castro un recital co título POESÍA + CIENCIA no que participarán Marica Campo, Emma Couceiro, Estibaliz Espinosa, Alfredo Ferreiro, Manuel Rivas e Xavier Seoane. O acto estará presentado por Lucía Aldao e contará coa actuación musical de Guadi Galego, Guillermo Fernández e Xabier Díaz. A entrada é de balde.
Sesión Jean Painlevé na Mostra de Ciencia e Cinema
A II Mostra de Ciencia e Cinema ofrece hoxe no CGAI unha sesión dedicada ao cineasta francés Jean Painlevé, que inclúe os seguintes títulos: HYAS ET STENORINQUES (1929), L’HIPPOCAMP (1934), LE VAMPIRE (1945) e LES AMOURS DE LA PIEUVRE (1967). Como complemento ofrécese a curtametraxe de Adele Horne THE IMAGE WORLD, pertencente á sección Laboratorio da Mostra. A presentación correrá a cargo do programador da II Mostra de Ciencia e Cinema, Martin Pawley.
Mostra de Ciencia e Cinema: Conferencia de Barbara Hammer na Fundación Caixa Galicia
A investigación que hai detrás dos filmes de Barbara Hammer a miúdo está conectado coa investigación científica. Na conferencia que se celebrará esta tarde na Fundación Caixa Galicia Barbara Hammer presentará imaxes, textos e vídeos dos seus filmes que falan da ciencia e explicará como emprega o xénero experimental para expresarse. A charla estará ilustrada con escenas dos seus filmes Pond and Waterfall, Endangered, Bent Time, Sanctus e Dr. Watson’s X-Rays. A conferencia comezará ás 20:30 horas e a entrada é libre.
Glass city, a nova produción de Teatro do Noroeste chega ao Rosalía
As vacacións de Franco no Pazo de Meirás, o concurso de cancións Trampolín de estrelas, a chegada da música moderna a través das máquinas de discos ou o plan para atentar contra o dictador son algúns dos feitos que se mesturan en Glass City, a última producción de Teatro do Noroeste que se poderá ver no Teatro Rosalía Castro os días 24 e 25 de outubro.


Glass City é unha obra de teatro musical, escrita e dirixida por Eduardo Alonso, na que se contrapoñen humor e tensión dramática, que conta cun grande equipo artístico, integrado por catorce actores e músicos.
A función do sábado está prevista para as oito e media da tarde e a do domingo para as sete. As entradas teñen un precio de sete e dez euros e pódense mercar a través dos circuitos de venda habituais.
Cinema no Fórum: Mon fils à moi (O meu fillo)
Mon fils à moi (Meu fillo) de Martial Fougeron, esta semana na Sala Fernando Rey do Fórum Metropolitano dentro do ciclo Encrucilladas.
Horario: Xoves 22, 20:30. Venres 23, 20:30 e 23:00. Sábado 24, 17:30 e 20:30.
Cinema no Fórum: O cabalo de dúas patas
O filme O cabalo de dúas patas de Samira Makhmalbaf, esta semana na Sala Marilyn Monroe do Fórum Metropolitano dentro do ciclo O Oriente máis próximo.
Horario: Xoves 22, 20:15. Venres 23, 20:15 e 22:45. Sábado 24, 17:15 e 20:15.
Tres conferencias para a tarde do xoves
Casa Museo Casares Quiroga (Panaderas, 12), ciclo “Represión e defensa dos dereitos lingüísticos en Galiza”: Represión lingüística no ensino en Galiza, por por María Pilar García Negro e Xoan Costa. Ás 19:30, con entrada libre até completar capacidade.
Fundación Pedro Barrié de la Maza (Cantón Grande, 9), ciclo de conferencias “El arte del siglo de las luces”: El hechizo de lo ordinario: cosas cotidianas y experiencia artística en los bodegones de Luis Meléndez, por Peter Cherry. A partir das 20:00. Entrada libre até completar capacidade.
Circo de Artesáns (San Andrés, 36), ciclo “Historias coruñesas”: La evolución de las defensas del Golfo Ártabro, por Juan José Vázquez García. Ás 20:00, con entrada libre até completar capacidade.
A Asociación Galega de Mulleres afectadas polo Cancro de Mama organiza un recital de poesía e música
Mañá mércores terá lugar no Centro Social Caixanova (Avda. da Mariña, esquina rúa Fama) un recital poético-musical a cargo de Olga Patiño, Ánxeles Penas e Xulio L. Valcárcel, co acompañamento musical de Teresa Méndez (violín) e Brais Morán (guitarra) e as imaxes de Maribel Longueira. Organiza a Asociación Galega de Mulleres afectadas por Cancro de Mama. Será a partir das 20:00 con entrada libre até completar capacidade.
Festa/Feira de creación cultural, en novembro na Coruña
O pasado ano celebrouse na cidade o Cultur.gal, organizado pola Consellería de Cultura, polo que pasaron 40.000 persoas en 4 días que durou a Feira. Este ano a Consellería decidiu non facelo.
A Concellaría de Cultura, cumprindo coa súa responsabilidade coa cidade que fora elixida sede permanente do Cultur.gal, desexa promover unha Festa/Feira de creación cultural. Esta terá lugar na última fin de semana de novembro (28 e 29). Queremos que sexa unha Festa onde a cidadanía se sinta parte da mesma, e queremos comezar porque vós sexades os que determinedes que nome que vai levar.
En que consistirá a Feira? Dentro das nosas posibilidades orzamentarias tentaremos que haxa mostras dos produtos e traballos de todo o sector cultural: que estea representado o mundo editorial, audiovisual, produtoras musicais, artes escénicas..., en definitiva, a idea é que estea presente todo a xente da cultura que queira participar. Haberá actuacións musicais, teatro, monólogos, obradoiros para nenos ou para adultos...
CAL É A VOSA PROPOSTA DE NOME PARA A FESTA/FEIRA?. Enviádenos por correo electrónico as vosas suxestións.
Outonarte 09: performance de Servando Barreiro no Rosalía
"W34 LIVE AV SESSION" ou "ENTRE LUSCO E FUSCO" é unha performance audiovisual na que se mostran fotografías e vídeos tomados en diferentes lugares, principalmente de Galicia e Berlín. Estas imaxes van ser mesturadas en "tempo real".
A banda sonora da performance foi gravada, composta e interpretada por Servando Barreiro (gravacións de campo e piano de cola), e tamén será alterada durante a actuación; a música sincronizarase á imaxe e viceversa. Dado que tanto o son como a imaxe van ser tratados nese momento a performance será "irrepetible". A entrada é libre até completar a capacidade do recinto.
ESTA ACTIVIDADE FORMA PARTE DO CERTAME "OUTONARTE", que se ven levando a cabo na cidade durante todo mes de outubro.















