Cinema no Fórum: Encrucilladas
Nunha das máis estimulantes películas de Pedro Almodóvar, La mala educación, o cineasta manchego exorcizaba os fantasmas do ensino represivo que lle tocou padecer. A educación -ou máis ben a mala educación do título- deixaba tocados a todos os personaxes, os alumnos e os profesores, que no contexto do filme é tanto como falar de vítimas e verdugos.
Somos o que aprendemos, na dobre acepción que a palabra ten en galego, adquirir coñecementos máis tamén transmitilos. E aprender aprendemos constantemente; para ben e para mal; non facemos outra cousa na vida que aprender, e non sempre de maneira consciente. Educámonos na escola e na casa, nos libros e na televisión, na rúa e no bar, grazas ao contacto con persoas diferentes que teñen algo que dicirnos e aportarnos; e a súa influencia é sempre transformadora, por acción ou por omisión, por seren un espello no cal mirarnos, un modelo a imitar, ou todo o contrario, pola súa condición de icona negativa, de referente que nos lembra permanentemente aquilo que non queremos ser.
A pegada decisiva dos educadores, entendido nun sentido amplo, é un tema recorrente no mundo do cinema. Mestres abnegados capaces de enfrontarse a unha aula desnortada coma o Glenn Ford de Blackboard jungle ou anos despois Sidney Poitier en To Sir, with Love; que abren fendas de liberdade nun espazo pechado e obsoleto, coma o Robin Williams de O clube dos poetas mortos; que practican exercicios diarios de humanismo nun sistema inxusto, coma o Philippe Torreton de Hoxe comeza todo, ou que fan do seu sacrificio a súa lección máis importante, caso do Charles Laughton de Esta terra é miña. Pais de integridade insobornábel coma o Atticus Finch que interpretou prodixiosamente Gregory Peck en Matar un reiseñor, nais sacrificadas como a Stella Dallas que compuxo unha memorábel Barbara Stanwyck e doce anos antes, na etapa muda, Belle Bennett ás ordes de Henry King, ou esa “árbore firme con moitas ramas” que era a Lillian Gish de A noite do cazador; mais tamén pais e nais dispostos a acabar coa felicidade dos seus descendentes, como a Aurora Soler Leal que asasinaba á súa adorada filla ao descubrir que se afastaba do seu paranoico ideal de muller no filme A miña filla Hildegart de Fernando Fernán-Gómez, baseado nunha fascinante e cruel historia real.
O noso mundo pode cambiar polo heroico empeño dun neno para devolverche o caderno do colexio (Onde está a casa do teu amigo?), polo encontro cun mariñeiro bondadoso (Spencer Tracy en Capitáns intrépidos) ou cun pirata co aspecto contundente de Anthony Quinn en Vento nas velas, e mesmo cun ladrón no Londres dickensiano de Oliver Twist, cuxas adaptacións cinematográficas deixáronnos polo menos dúas excelentes encarnacións do personaxe de “Fagin”, a de Alec Guinness e a de Ron Moody. De todo iso, de xente que forma e transforma, trata o ciclo que ocupará a Sala Fernando Rey do Fórum Metropolitano este mes de outubro.















2 Comments for “Cinema no Fórum: Encrucilladas”
Trackbacks