Matarratos Darwin, "discurshow" con Xurxo Mariño e Vicente de Souza na Domus

Mañá venres, 2 de outubro, a Domus acollerá o Discurshow "Matarratos Darwin (as anécdotas que non se contan da viaxe dun gran naturalista)". O "discurshow" é un xeito novo e atractivo de divulgar a ciencia, unha especie de charla teatralizada, ou de teatro con carácter de conferencia, invención de Xurxo Mariño e Vicente de Souza. O que se presenta na Domus mañá ás 19:30 horas é unha entretida viaxe polas anécdotas e interesantes circunstancias que rodearon a viaxe que o xoven Charles Darwin iniciou en 1831 a bordo do barco británico de investigación cartográfica Beagle.

Todos temos algunha idea de quen foi Darwin, algúns teñen algunha idea de en que consisten os seus traballos e teorías -desenvolvidas logo de dar a volta ao mundo-, pero moi pouca xente coñece os motivos reais desa viaxe, as anécdotas que xurdiron e as aventuras e desventuras que viviu o mozo Darwin entre 1831 e 1836. Este "discurshow" é un espectáculo didáctico que dura 1 hora e 15 minutos, apto para todos os públicos, incluso para aqueles que cren que xa o saben todo sobre Darwin. A actividade está englobada no programa de actos de celebración do Ano Darwin nos Museos Científicos Coruñeses.

Xurxo Mariño é profesor e científico da Universidade da Coruña, e divulgador. Como científico traballa en proxectos relacionados co estudo da actividade do sistema nervioso. Como divulgador leva adiante diversos proxectos: cafés-teatro-científicos, colaboracións en internet e en distintos medios de comunicación.

Vicente de Souza é actor profesional. Participa tanto en proxectos teatrais como de cine (La rosa de piedra, Matalobos, Cores, etc.) e televisión (Los hombres de Paco, Libro de Familia, Cuéntame, Hospital Central, etc.). Este ano levou o premio ao Mellor Actor no Festival de Cans de curtas por ¿Quieres ser director de cine?

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Leave a comment

Cannot get file list: '/var/www/mapa/wp-content/plugins/SK2/sk2_plugins/' is not a valid folder path