Cinema no Fórum: Música para Keaton
A lenda asegura que non fixera aínda un ano cando Harry Houdini lle puxo o alcume polo que sería coñecido o resto da súa vida. Nacido en Kansas canda o cinema, en 1895, o naipelo chamado Joseph Frank Keaton caeu polas escaleiras sen mancarse, un feito insólito que provocou unha resposta inmediata do lendario mago: “Iso si que foi un bo sopapo”, “buster” no argot empregado por Houdini. Esa estoica resistencia infantil levouno a debutar nos escenarios xunto aos seus pais con apenas tres anos, en números cómicos e circenses nos que o habitual era que o neno Keaton acabase voando polo aire. Antes de dedicarse ao cinema contaba os seus anos de vida por anos de experiencia acrobática no vodevil, mais os accidentes e feridas foron case inexistentes, até o punto de que algúns dos seus espectáculos chegaron a promocionarse coa frase O mozo que non pode facerse dano.
Empezou a facer filmes en 1917, cando coñeceu en Nova York a Roscoe "Fatty” Arbukle, daquela xa unha estrela. Keaton tiña certas reservas cara ao cinema, mais decidiu pedirlle prestada unha cámara e levala para o hotel coa intención de desmontala e volvela montar; levoulle unhas poucas horas dar entendido o seu funcionamento e foi niso que regresou ao estudio de rodaxe para pedir traballo. Non tardou moito en convertirse no axudante de dirección de Fatty e o seu principal fabricante de gags. Na altura de 1920 o produtor Joseph Schenck creou para el unha unidade específica de produción coa que fixo miticas curtas coma One week ou Electric house. O seu éxito permitiu o salto á longametraxe e aí arrincou unha etapa de creatividade incomparábel. Unha detrás doutra viñeron as súas obras mestras: As tres idades, A lei da hospitalidade, O moderno Sherlock Holmes, O navigante, Sete ocasións, O Rei dos cowboys, O último round, O maquinista de La General, O colexial, O heroe do río, O cameraman... Logo chegou o esquecemento. En 1928 fichou pola MGM, unha decisión que lamentaría toda a súa vida; perdeu independencia e viuse obrigado a traballar en filmes que desprezaba no tempo da transformación radical da industria pola aparición do sonoro que coincidiu ademais cun complicado momento persoal. Mantívose nun segundo plano escribindo escenas de humor para películas alleas (entre elas, varias dos Irmáns Marx) e facendo cameos. A televisión deulle nova popularidade a partir dos anos 50; tivo o seu propio show e permitiu a emisión das súas películas pola pequena pantalla, o cal reavivou o interese pola súa obra. Fixo pequenos papeis en filmes de moita sona (Sunset Boulevard, Limelight) e protagonizou pezas de prestixio como The Railrodder ou Film, o único guión que o Premio Nobel Samuel Beckett escribiu directamente para o cinema. Morreu pouco despois, en 1966, vítima dun cancro de pulmón. Era outra vez un mito, unha figura de culto honrada por poetas e ensaístas que viron nel un autor irrepetíbel.
A Sala Fernando Rey rende tributo ao xenial cineasta no ciclo Música para Keaton, que ofrecerá en decembro tres das súas grandes películas, coa música en directo do pianista Jacobo de Miguel como acompañamento de luxo.
MÚSICA PARA KEATON
Sala Fernando Rey do Fórum Metropolitano, decembro de 2009
Xoves 3, venres 4 e sábado 5: Sherlock Jr (O moderno Sherlock Holmes)
Xoves 10, venres 11 e sábado 12: Go west (O Rei dos cowboys)
Xoves 17, venres 18 e sábado 19: Buttling Butler (O último round)
Proxeccións os xoves ás 20.30; venres, ás 20.30 e 23.00; e sábado ás 17.30 e 20.30 h. Os pases dos venres e sábados ás 20:30 contarán con música ao vivo a cargo de Jacobo de Miguel.















2 Comments for “Cinema no Fórum: Música para Keaton”
Trackbacks