O ceo de decembro
Váisenos o ano e os días xa son moi curtos. Non nos vén mal aos afeccionados á astronomía: son noites longas que permiten observacións pracenteiras, mais iso si, frías en moitos casos.
O 21 de decembro, ás 17.47h UTC (18.47 hora local) prodúcese o solsticio de inverno e comeza esa estación. É o día máis curto do ano no hemisferio norte. Saturno e Marte son visíbeis en Leo durante a segunda parte da noite. Xúpiter segue á nosa vista a primeira hora da noite, mais comeza a despedirse.
Decembro é un bo mes para observar constelacións típicas do inverno, como Gemini, Orión ou Taurus, e outras tamén visíbeis noutras estacións pero que agora acadan unha altura elevada sobre o horizonte, como Auriga e Perseus. Esta zona do ceo é talvez a máis rica no que se refire a estrelas brillantes: Betelgeuse, Rigel, Aldebarán, Sirius, Procyon, Capella, Pollux, Castor... Non mentimos ao dicir que o ceo de inverno é impoñente.
Para rematar, non podemos esquecer que Decembro é o mes dunha das mellores chuvias de meteoros do ano: as Xemínidas. Acontecen arredor do 14 de Decembro, pero poden
verse días antes e días despois. Nunca decepcionan, ao se veren decenas de meteoros por
hora con facilidade.




















