Iberojazz 2010: concerto de Walter White
Un ano máis o Festival Iberojazz presenta as novas perspectivas que afloran no jazz ao longo da Península coa mirada posta en novos talentos e novos proxectos. Este ano, a organización fixo fincapé nas creacións e adaptacións dos grandes formatos, desde a clásica Big Band até os proxectos máis vangardistas e actuais na creación orquestral. Para conseguir un amplo abano nesta disciplina, ampliouse a colaboración co Conservatorio Superior de Música da Coruña, que este ano presenta a súa orquestra en formato Big Band con dúas colaboracións artísticas de excepción no ámbito internacional.
O martes 19 de xaneiro, abrirá o festival o concerto que ofrecerá o trompetista Walter White (Detroit) no club Filloa ás 23.00 h, sen dúbida un dos máis importantes tiplistas do mundo. Gravou dúos históricos con Maynard Ferguson no Ronnie Scott, rexistrados no CD Live from London, e destacou tamén como intérprete de jazz e clásica nas súas colaboracións coa Lincoln Center con Wynton Marsalis, a Woody Herman, a Jaco Pastorius e a Mingus Big Bands, e como solista da Sinfónica de Detroit, á parte de colaboracións con Bob James, Dave Holland ou Kenny Wheleer. Neste concerto, formará cuarteto co trío galego-asturiano-arxentino composto por Miguel Queixas (batería), Jacobo de Miguel (piano) e Gustavo Hernán (contrabaixo), e interpretará composicións do propio Walter e do pianista Jacobo de Miguel.














