Dende o mércores 20 de xaneiro ata o domingo 21 de febreiro de 2010 está aberta na Casa da Cultura Salvador de Madariaga (Durán Loriga, 10) a exposición DIscurso abstracto. Organizada polo Concello da Coruña, esta exposición amosa obras de Fernando Pereira, un dos autores coruñeses que máis ten investigado dentro da abstracción pictórica. Movéndose preto da pintura máis xestual, as súas composicións, de trazo potente e ricas en estímulos visuais teñen xa un grande recoñecemento da crítica especializada.
Discurso Abstracto nace como contrapunto aos últimos traballos figurativos do artista, e sobre todo a raíz do proxecto Mulleres en Pé de Guerra. Foi entón cando Fernando Pereira decidiu facer unha serie con "arte ausente de literatura", en palabras de Mónica Barros, autora do texto do catálogo. O pintor busca unha pintura ‘pura’, baseada na composición, a cor (por presenza ou por ausencia) e a liña (que lembra a Action Painting). Pereira presenta na Casa de Cultura Salvador de Madariaga 21 lenzos acompañados de lonas do detalle e dun video que, xunto coas súas reflexións, nos axudan a gozar con maior fondura da visión das pezas. A exposición pode ser visitada de luns a domingo, de 12 a 14 e de 18 a 21h.
Descargar catálogo da exposición: PDF, 2,1 MB