Cinema no Fórum: Jacques Tati
Poucos cineastas acadaron tanto con tan pouco. A filmografía como director de Jacques Tati comprende seis longametraxes e un par de curtas esparexidas ao longo de tres décadas; a súa dedicación verdadeira ao cinema foi relativamente tardía e o recoñecemento xeralizado en todo o mundo con Mon oncle chegoulle cando xa cumplira os cincuenta. Nesa altura e con só tres películas xa ocupaba un espazo de honra na historia da cultura europea grazas ás súas comedias intelixentes que satirizaban con elegancia os excesos do mundo moderno.
Descendente por parte de pai dunha familia rusa de nobre avoengo -o seu verdadeiro apelido, Tatischeff, apunta con claridade as súas orixes- Jacques Tati (1908-1982) exerceu na súa mocidade como xogador de rugby profesional antes de lanzarse con éxito ao music-hall, valéndose da súa formación e talento como mimo e no teatro físico. Nos trinta participa como actor e guionista en diversas pezas cinematográficas, unha delas dirixida polo logo célebre René Clement, nas que ensaia diferentes números cómicos e explota a súa faceta de paiaso; mais o Jacques Tati que coñecemos arranca en 1947 coa curta L'ecole des facteurs (A escola dos carteiros), claro antecedente da inmediatamente posterior Jour de fête (Día de festa), que competiu no Festival de Venecia. No seu seguinte traballo presentou o personaxe que o faría célebre, o de Monsieur Hulot, presente coa súa característica gabardina, pipa e sombreiro en catro filmes inmortais: Les vacances de Monsieur Hulot (1953), Mon oncle (1958), que lle proporcionou un Oscar de Hollywood e o Gran Premio do Xurado en Cannes; Playtime (1967) e Trafic (1971), demostración todas elas dun depurado talento cinematográfico que fai do plano-secuencia a súa ferramenta principal. Tati é un artista da imaxe que constrúe sofisticadísimos gags visuais renunciando ao diálogo mais non aos efectos de son, que manexa cun oficio insuperábel. O seu humor leva aparellado un discurso moi crítico coa sociedade de consumo e os vicios burgueses. Ao facer burla dos abusos tecnolóxicos e os paradoxos dunha mecanización que quizá fai a vida máis doada, mais non necesariamente máis feliz, Jacques Tati lanza unha voz de alarma contra a deshumanización e reivindica o valor das relacións persoais, unha mensaxe que hoxe é tan actual ou máis que no seu tempo.
Os cinco filmes citados mais o derradeiro dos seus, Parade, compoñen o ciclo de febreiro da Sala Fernando Rey, nunha oportunidade imperdíbel que nos permitirá revisar a obra longa completa dun cineasta esencial.
Sala Fernando Rey, febreiro de 2010
4, 5: Playtime
6: Trafic
11, 12: Jour de fête
13: Parade
18, 19 e 20: Mon oncle
25, 26 e 27: Les vacances de Monsieur Hulot















One Comment for “Cinema no Fórum: Jacques Tati”
Trackbacks