Espazo Solidario difunde as actividades do tecido voluntario coruñés
A Concellaría de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística do Concello da Coruña, xunto con medio centenar de entidades non lucrativas, organiza este sábado 27 de febreiro un encontro no Palexco, aberto ao público de 10:00 a 14:30 h e de 16:00 a 21:00 h, coa idea de dar a coñecer o tecido solidario da cidade. Durante a xornada, as persoas asistentes terán a posibilidade de gozaren dun percorrido solidario por máis de medio centenar de stands, para coñeceren de primeira man a que se dedican as distintas entidades de acción voluntaria que traballan no municipio coruñés; as súas inquedanzas e expectativas, os valores que promoven e, por suposto, todas aquelas actividades en que as persoas interesadas poden participar como voluntarias contribuíndo coas súas achegas á consolidación dunha verdadeira rede de solidariedade cidadá. Terán oportunidade de interactuar cos/as técnicos/as das entidades e cos seus voluntarios e voluntarias nas distintas actividades que configurarán a programación da xornada; actividades planificadas e densenvolvidas, na súa meirande parte, polas propias entidades. Tedes información moi precisa sobre a xornada no sitio web Solidariedade2010.














