Conferencia de Laura Bugallo na Biblioteca da Sagrada Familia
O xoves 8 de abril, ás 19,30, a responsable da oficina de inmigración da C.I.G., Laura Bugallo, ofrece unha conferencia sobre Muller e Inmigración, coincidindo coa clausura da mostra Muller sen máis que desde o pasado 4 de marzo está na Biblioteca Municipal Sagrada Familia. Laura Bugallo traballa desde hai 16 anos en temas de inmigración dentro do sindicato nacionalista, e o seu labor é recoñecido amplamente entre toda a poboación inmigrante e colectivos sociais tanto en Galicia como no resto do Estado. A entrada ao acto, na Biblioteca Municipal Sagada Familia, é libre.
Concerto de Luar na Lubre
Outras miradas de Carlos Saura, exposición na Casa da Cultura Salvador de Madariaga

Hoxe inaugurouse a exposición Outras miradas de Carlos Saura, que permanecerá aberta na Casa da Cultura Salvador de Madariaga até o vindeiro 30 de maio. Esta mostra organizada pola Concellaría de Cultura en colaboración coa SECC (Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales) e Caja España e comisariadada por Asier Mensuro, supón un percorrido por toda a obra do polifacético Carlos Saura que abrangue o cinema, a fotografía, a literatura, o teatro, a danza, o debuxo e a pintura, que practica en dúas modalidades ben distintas: os chamados "fotosaurios" ou fotografías pintadas e os seus debuxos con texto.
Todos os materiais da exposición amosan un artista multidisciplinar que reflexiona sobre unha serie de ideas polas que sente unha verdadeira paixón. Outras miradas complementarias que nos revelaban a un Carlos Saura que pouco a pouco afonda naquilo que lle interesa e o vai enriquecendo mediante a adicción de novos matices e enfoques. A exposición divídese en seis bloques temáticos ou temas: a violencia e a morte, as mulleres, a historia de España, a música e a danza, a fotografía e o cine. Ademais destes bloques inclúese un quiosco interactivo coa biografía, filmografía e premios de Carlos Saura.
A mostra permanecerá aberta até o 30 de maio en horario de luns a domingo de 12 a 14.00 horas e 18.00 e 21.00 horas.
Visitas guiadas á Biblioteca da Casa do Consulado

No número 58 da rúa Panadeiras agóchanse verdadeiras xoias da Literatura Universal como un manuscrito inédito de Quevedo ou a primeira edición holandesa de El Quijote. A Biblioteca do Consulado é a biblioteca pública máis antiga do Estado. Inaugurada o 15 de agosto de 1806, agocha verdadeiros tesouros, entre libros, manuscritos, carpetas que gardan documentos e cartas que formaron parte da Biblioteca de Juana de Vega.
Para dar a coñecer a toda a cidadanía esta Institución, organízanse visitas guiadas os segundos xoves de cada mes, ás 18:00, desde o mes de abril até decembro. Os que desexen asistir deberán anotarse previamente no teléfono 981 206274 ou escribindo un correo electrónico. A primeira visita será o xoves 8 de abril.
Eureka!, exposición sobre ciencia e creatividade na Domus
Eureka! é unha exposición interactiva que presenta a creatividade asociada ao mundo da ciencia. Tomando como referencia o feito de que a creatividade non é só un compoñente fundamental da ciencia, senón de calquera das actividades humanas, a exposición mostra que todos somos creativos en diferentes momentos das nosas vidas.
O percorrido expositivo de Eureka! descobre os múltiples aspectos relacionados coa creatividade, dende os fundamentos psicolóxicos e biolóxicos, como se desenvolve o proceso creativo, a súa relación coa investigación científica, a tecnoloxía e a innovación, e establece pontes entre as distintas manifestacións da cultura. En todo caso, a creatividade nútrese, por un lado, desas faíscas mentais que iluminan unha solución, pero tamén, e non menos importante, do intenso traballo que hai detrás de ideas xeniais.
Eureka! é unha exposición producida polos Museos Científicos Coruñeses e financiada pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología - Ministerio de Ciencia e Innovación. Pode verse na Domus desde o pasado xoves 25 de marzo.
Contidos
Os módulos expositivos de Eureka! perseguen os obxectivos de aproximar aos visitantes o concepto de creatividade, mostrar exemplos de procesos creativos no mundo dos científicos clásicos, trasladar a idea de que é un compoñente esencial tanto da ciencia coma de todos os demais aspectos da vida, relacionar os conceptos de innovación e creatividade, e evidenciar que o feito creativo non se basea só neses momentos en que se ilumina unha idea, senón tamén en todo un grande esforzo previo.
A través de actividades interactivas, escenografías, audiovisuais, paneis gráficos e outros medios propóñense experiencias como a de descubrir como funciona o noso cerebro ao intentar debuxar unha figura ao revés, resolver problemas de enxeño, ou coñecer inventos tecnolóxicos inspirados na natureza. Existe tamén un espazo singular no que se invita a utilizar a imaxinación para recoñecer figuras en nubes que se proxectan nun espazo deseñado para tombarse, relaxarse e observar.
En total son trinta elementos expositivos, distribuídos en cinco seccións, identificadas cunha palabra:
!maxina - O proceso creativo
O sociólogo británico Graham Wallas propuxo en 1926 que o proceso creativo estaba dividido en catro fases: preparación, incubación, iluminación e verificación. Poden verse estas etapas detrás de grandes logros artísticos e científicos.
Un deses exemplos é o arco catenario de Antonio Gaudí. A fase de preparación correspondería á súa formación previa como delineante e despois arquitecto. A incubación da idea estivo na súa busca dun novo deseño de arco que non dese problemas de suxeición. A iluminación chegou cando se fixou en como se curva unha cadea cando se colga polos extremos. Finalmente, a verificación constitúea a creación do seu modelo de arco que non precisa de soportes laterais para manterse en pé.
!dea - Fundamentos neurolóxicos
Onde reside a creatividade? Cada metade do cerebro realiza algunhas tarefas concretas, pero para habilidades máis complexas, como crear, necesitamos que os dous hemisferios cooperen. Nesta sección poden descubrirse os fundamentos neurolóxicos da creatividade mediante experiencias como a de intentar debuxar un obxecto ao revés e comprobar se resulta máis doado ou máis difícil que coa imaxe ao dereito, construír figuras con pezas xeométricas, ou ver un vídeo no que se observa como se desenvolve o cerebro dun neno cando aprende a falar.
Preséntanse ademais outras actividades como a de escoitar unha selección de creacións musicais de autores que romperon esquemas na súa época: Igor Stravinsky, Edith Piaf, The Beatles, Camaron de la Isla, Golpes Bajos, Vangelis, Björk, Mercedes Peón, entre moitos outros.
!nspírate - O exercicio da creatividade e as súas técnicas
O enxeño, a imaxinación, a intuición, a curiosidade, a constancia, a inspiración son aspectos asociados intimamente ao exercicio da creatividade. Poñer a proba estas habilidades ao encher os bocadillos de varios cómic, intentar descubrir a figura que se esconde nunha imaxe que á primeira vista pode parecer unha simple mancha, ou resolver problemas de enxeño para os que se precisa romper con ideas preconcibidas son algunhas das propostas deste ámbito.
En alusión aos científicos clásicos, aquí preséntase tamén unha experiencia que ilustra o descubrimento de Arquímedes. Ao ver como rebordaba a auga cando estaba metido nunha bañeira encontrou repentinamente a forma de comprobar se a coroa do rei Hierón era de ouro na súa totalidade ou se o artesán o enganara. Segundo conta a lenda, nese momento berrou o famoso Eureka!
!nvestiga - A creatividade na investigación científica
Os grandes logros da ciencia esconden detrás moito esforzo. Utilizando as claves que definen o traballo científico, os módulos desta sección mostran o papel da creatividade na investigación. Invitan a formular hipótese para explicar o mecanismo (biela, polipasto, engrenaxe...) que fai funcionar unha selección de dispositivos, descubrir cales son os ingredientes que combinados fan que unha persoa sexa creativa (curiosidade, perseveranza, audacia, amplitude de miras...), ou viaxar por Internet aos centros de ciencia máis importantes do mundo e a empresas que son modelo de innovación.
O ámbito inclúe ademais un espazo dedicado á serendipia, un termo que fai referencia aos descubrimentos científicos casuais. Represéntase neste caso co achado da penicilina por Fleming, que tivo o acerto de estudar a substancia que matara un cultivo de bacterias co que estaba a traballar.
!nnova - Innovación, tecnoloxía e sociedade
O século XX foi revolucionario en relación ao ritmo de desenvolvemento de tecnoloxía e innovacións. A creación científica considérase unha das actividades máis valoradas na sociedade moderna, sendo un indicativo de prosperidade.
Neste apartado expóñense inventos fronte ás estruturas da natureza que os inspiraron (avión planador, agulla hipodérmica, pantalla LCD...), e invítase a reflexionar sobre como a evolución dalgúns aparatos tecnolóxicos familiares foi máis á présa que o uso da linguaxe en torno a eles (por exemplo, seguimos "colgando" o teléfono a pesar de que xa non se corta a chamada dese xeito), entre outras actividades. Faise tamén un repaso polos grandes inventos que revolucionaron a historia, dende as primeiras ferramentas líticas, a escritura, a electricidade, á aeronáutica ou as comunicacións.
Luns con ciencia: conferencia de Antonio Rigueiro
Hoxe luns 29 de marzo ás 20 horas na Domus terá lugar unha nova sesión dos Luns con ciencia. Antonio Rigueiro, catedrático do Departamento de Produción Vexetal da Escola Politécnica Superior (campus de Lugo), da Universidade de Santiago de Compostela, dará unha conferencia co título Os bosques galegos e a biodiversidade. Tras definir a biodiversidade e comentar a importancia da súa conservación, describirá sucintamente os principais bosques naturais e masas arboladas artificiais que caracterizan actualmente a paisaxe forestal de Galicia, facendo referencia especial ás que teñen maior importancia en relación coa conservación da biodiversidade no territorio galego.
Rigueiro é membro de número da Real Academia Galega de Ciencias e autor de varios libros e numerosos artigos en revista especializadas sobre botánica, ecoloxía, sistemas silvopastorales, cogomelos e malherboloxía.
O mago Kiko Pastur, o sábado no Fórum
Ser o no ser, o clásico do cinema en versión teatral no Rosalía
O sábado 27 e domingo 28 dentro do Ciclo Caixanova, o Teatro Rosalía de Castro presentará a obra Ser o no ser de Melchor Lengyel (versión de Julio Salvatierra), adaptación do filme clásico de Ernst Lubitsch. No reparto, Amparo Larrañaga, José Luis Gil, Carlos Chamarro, Diego Martín, Mauro Muñiz de Urquiza, Alfonso Torregrosa, Santiago Nogués, Mauro Muñiz e Alfonso Montón; dirixe Álvaro Lavín. A función terá lugar os dous días ás 20:30. O prezo das entradas é de 8, 10, 13 e 17 € (os usuarios de carné xove, maiores de 65 anos e desempregados/as teñen un desconto dun 20 %).
Forumfolk 2010: concerto de Tiruleque
Hoxe ás 21 horas o Fórum Metropolitano acolle o concerto da banda Tiruleque dentro do ciclo Forumfolk 2010. Tiruleque parte das fontes da tradición musical galega, mais combínaas con outras moitas influencias para producir un son moi persoal afastado de etiquetas. Reinterpretan a tradición e recorren a súa intuición musical á hora de arranxar melodías tradicionais, botando man da riqueza dos instrumentos que esta música nos ofrece. A banda coruñesa está formada actualmente por Antón Bueno (contrabaixo, gaita e coros), Álex Fente (acordeón e coros), Pablo Pintor (clarinete, gaita, pito galego, triángulo e voz), Fernando Román (saxo, clarinete, gaita e coros), Miguel Horjales (caixa, percusións e coros) e Luis García (bombo con pratos, percusións e coros).
Rostros de arena, exposición de Lois Patiño
Hoxe inaugurouse na Sala de Exposicións da Fundación Caixa Galicia na rúa Médico Rodríguez, nº 2 (A Coruña) a exposición Rostros de arena, que traza unha panorámica pola obra audiovisual de Lois Patiño [Vigo, 1983]. Está formada pola longametraxe Rayito, dúas videoinstalacións, dúas pezas de videoarte e os tráiler das súas outras películas: os ciclos Rostros de Area, Paisaxe Interior e a súa última película Lembrando as caras da morte. A exposición permanecerá aberta até o día 15 de maio de 2010, de luns a sábado de 12.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 21.00 horas.
Presentacións de libros e conferencias hoxe na Coruña
Hoxe xoves 25 de marzo na Biblioteca de Estudos Locais presentarase o libro Bailabén, de Gustavo Couto e Edith Cotilla (Ed. do Cumio). O acto comeza ás 20 horas e a entrada é libre até completar capacidade.
Á mesma hora na Casa Museo Casares Quiroga da Coruña impartirá unha conferencia o escritor Xabier P. Docampo, co título Camiños de futuro da lingua galega. Organiza a Asociación Cultural Namentras.
Lembramos ademais que hoxe é tamén o día no que se presenta na Biblioteca González Garcés o libro Miguel González Garcés, mineiro de luz.
O 15 de abril arranca a programación na nova sala de concertos do Coliseo “O túnel” co grupo Los Amigos Invisibles
A Concelleira de Cultura, María Xosé Bravo, presentou onte a programación prevista na nova sala de concertos do Coliseo ‘O túnel’ para o vindeiro mes de abril e que arrancará o xoves 15 co concerto de Los Amigos Invisibles, un sexteto venezolano composto por Mauricio Arcas (percusión), Julio Briceño (voz), Armando Figueredo (teclados), José Luis Pardo (guitarra), Juan Manuel Roura (batería) y José Rafael Torres (baixo). A súa música é unha brillante fusión de múltiples estilos: acid jazz, jazz-funk, disco, pop, house, bossa-nova, electrónica, lounge, son cubano...
O venres 16 de abril será o turno do festival Viva a Música sen Fronteiras no que participarán United Flavoir, Bush Doctors e Chotokoeu.
Cinema no Fórum: Lo mejor de mí
Lo mejor de mí de Roser Aguilar (2007), esta semana na Sala Fernando Rey dentro do ciclo Colleita española.
Horario: xoves 25 ás 20:30, venres 26 ás 20:30 e 23:00; sábado 27 ás 17:30 e 20:30. Os pases do venres ás 23:00 e o sábado ás 17:30 son "sesións do espectador" con entrada reducida (1,5 €). O resto de sesións teñen o prezo de 3 €.

















