Nova exposición na Casa Museo Casares Quiroga
Hoxe ás 20:00 inaugúrase na Casa Museo Casares Quiroga a exposición DI SOMOS ID, que forma parte dun proxecto de normalización lingüística do IES Menéndez Pidal. Estarán presentes o director deste centro, Almudena García, a coordinadora do proxecto, Mercedes Queixas, coordinadora provincial de Equipos de Nomalización e Dinamización Lingüística e a concelleira de Cultura, Mª Xosé Bravo.
Esta exposición do fotógrafo Raúl Vázquez sobre os tópicos identitarios galegos é o fío condutor dun programa de actividades que recibiu o premio de innovación convocado pola Secretaría Xeral de política Lingüística. O obxectivo fundamental deste traballo é intentar superar os prexuízos sociolingüísticos que impiden manexar a nosa lingua con normalidade; estes prexuízos vense nas imaxes que nos mostra o autor, e con elas queren convidar a cada espectador a ollarse a si mesmos para recrear eses tópicos, entendéndoos, interpretándoos, asumindo as súas contradicións dialécticas, superando a lectura zafia e chabacana que nun primeiro momento se pode facer deles, e ao mesmo tempo saber algo mais dun mesmo, tanto na dimensión individual (o eu), como na colectiva (o nós).














