A Concelleira de Cultura lamenta o desprezo da Xunta coa cidade da Coruña ao negarlle unha vez máis a celebración do Culturgal
A Concelleira de Cultura, María Xosé Bravo, lamentou a actitude de desprezo que continúa a manter a Xunta de Galiza coa cidade da Coruña ao negarse a aceptar A Coruña como sede para a celebración do vindeiro Culturgal ao mesmo tempo que negou comprometer fondos para a celebración deste evento que tivo unha importante acollida no sector e convertiuse nun apoio para á cultura galega.
A portavoz de cultura do BNG, Ana Pontón, defendeu onte no Parlamento galego unha Proposición non de Lei sobre a organización da Feira das Industrias Culturais “CULTURGAL” no ano 2010 que foi rexeitada polo grupo parlamentario do Partido popular. A deputada do BNG, lamentou igual que a Concelleira de Cultura da Coruña, María Xosé Bravo, que o Partido Popular non aceptara a cidade de A Coruña para a celebración do próximo “CULTURGAL” e a falta de compromiso orzamentario para un evento que cualificou de “grande éxito” en edicións anteriores.
A celebración do “CULTURGAL” durante os anos 2007 e 2008 tivo unha acollida moi favorable entre as industrias culturais e foi un importante apoio para as asociacións do sector pero “no ano 2009 a actual Consellaría de Cultura e Turismo decidiu suspendelo alegando falta de recursos para a súa organización”. No pasado período de sesións o BNG presentou unha iniciativa na que se instaba á Xunta de Galicia a que no ano 2009 se celebrara o CULTURGAL, baseándose nos anos 2007 e 2008 como “fito importante” na política de promoción, proxección das industrias culturais e elemento dinamizador da cultura galega. Con este evento celebrado no ano 2007 co Goberno bipartito, “a Xunta apostaba por visibilizar as industrias culturais galegas dándolle pulo no ano 2008 cunha gran afluencia de público”.
A Concelleira de Cultura María Xosé Bravo lembrou que foi en decembro de 2008 cando a anterior Conselleira de Cultura, Anxela Bugallo, fixara A Coruña como sede permanente de Cultur.gal despois de avaliar a moi boa presenza de público na feira celebrada ese mesmo ano na cidade herculina que superou as 37.000 persoas, o que significou cuadriplicar a asistencia á primeira edición (nova que continúa a ser a última entrada da web oficial do Cultur.gal).
A Concelleira de Cultura da Coruña considera que a Consellería dirixida por Roberto Varela cometeu un importante “un erro” no ano 2009 por non seguir apostando por esta iniciativa sendo a cidade da Coruña en solitario a que impulsou a celebración da Feira o pasado ano. O Partido Popular argumentou no ano 2009 non contar con recursos nin tempo para organizalo, mais a concellaría de Cultura de A Coruña que dirixe a nacionalista María Xosé Bravo foi quen de poñer en marcha unha iniciativa semellante baixo o lema Achegarte que foi outro “rotundo éxito” con máis de 40.000 visitantes.
Por todo isto, a Concelleira de Cultura -igual que fixo a representante do BNG no Parlamento- exise unha rectificación da política da Xunta por considerar que as industrias culturais galegas son “un elemento dinamizador que dá traballo a máis de 26.000 persoas e representa case o 2% do PIB, ademais de contar cun gran potencial de creación”. Na actualidade, e en plena crise económica, “a Xunta de Galicia edita libros con editoriais foráneas”, cando existen en Galicia empresas que realizan esta actividade .
Na súa intervención de onte no Parlamento Ana Pontón acusou ao portavoz de cultura do PP, Ignacio López Chaves, de “manter unha postura belixerante co idioma galego e coa anterior conselleira, Ánxela Bugallo, promotora do CULTURGAL. Pontón reiterou as súas criticas ao actual Conselleiro de Cultura por non apoiar as industrias culturais nin aos artistas galegos e seguir ofendéndonos –dixo- cando se refire á cultura galega como “unha cultura acomplexada” ou ao “desván de los monjes”
A deputada do BNG afirmou que o Partido Popular “segue obsesionado” cos éxitos do bipartito e que esa foi a razón pola que decidiu suspender a celebración do CULTUGAL e agora pretenden cambiar tamén a sede sen ter en conta que “ter unha sede dimensiona este evento”.














