As actas escuras de Vidal Bolaño, esta fin de semana no Rosalía
As actas escuras de Roberto Vidal Bolaño chega ao Teatro Rosalía de Castro da man do Centro Dramático Galego. A obra, que se presentará o venres 19 e o sábado 20 ás 20:30 horas no Teatro Rosalía, recuperouse 18 anos despois de ser escrita da man do director Xúlio Lago e dun elenco integrado por 14 recoñecidos actores e actrices
Esta primeira posta en escena do texto gañador do Premio Xacobeo de Textos Teatrais en 1992 supón todo un fito no actual panorama escénico galego, achegando finalmente aos espectadores un gran drama sobre a ocultación da verdade e o sentido da ética no que se reflicten tanto a forza simbólica como o espírito crítico característicos de Vidal Bolaño, un dos grandes nomes do teatro galego contemporáneo. Xúlio Lago asumiu a dirección escénica desta produción desde a fidelidade á obra orixinal e á visión do teatro que tiña o propio autor, falecido en 2002. O espectáculo resultante obtivo un gran éxito de público durante a súa exhibición en Santiago, e agora desenvolve unha xira que se estenderá ata primeiros de abril na que visitará un total de sete localidades galegas.
Xosé Manuel Olveira "Pico" e Ricardo de Barreiro encabezan o elenco, do que tamén forman parte César Cambeiro, Ursia Gago, Jouse García, Mónica García, Teté García, César Goldi, Xoán Carlos Mejuto, Fernando Morán, Rodrigo Roel, Pepe Soto, Agustín Vega e Marcos Viéitez. Estes 14 intérpretes, moitos dos cales tiveron a oportunidade de traballar baixo as ordes de Vidal Bolaño en diferentes espectáculos, encarnan os trinta personaxes ideados polo autor para desenvolver esta trama, centrada nunha investigación sobre o redescubrimento dos restos do Apóstolo na Compostela da segunda metade do século XIX.
















