O concurso “A ciencia na miña vida”, convocado polos Museos Científicos Coruñeses, celebra a súa fase final en Bruxelas
O evento terá lugar os próximos 23 e 24 de xuño, na sede da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, e nel participarán os finalistas deste concurso de microvídeos convocado no marco do proxecto Cities and Science Communication (CASC).
Os finalistas do concurso proceden de Romanía, Reino Unido e España. Os dous traballos seleccionados polo xurado no noso país compiten nas categorías de menores de 16 anos (Tradutor Automático Universal, dos alumnos de 4 ºB do IES Alexandre Bóveda de Vigo) e aberta (Viviremos para sempre?, de Cristina de la Torre e José González). Ambos os dous traballos poden verse na páxina da Casa das Ciencias.
O concurso invitaba a realizar unha gravación de menos de 3 minutos cun equipo sinxelo (teléfonos móbiles ou webcams) cuxo contido respondese á pregunta: Que problemas che gustaría que resolvesen a ciencia e a tecnoloxía no futuro? O xurado, formado por especialistas de Holanda, Francia e Portugal, non se centrará na calidade técnica dos traballos, senón na creatividade demostrada, o uso de técnicas narrativas ou a claridade da mensaxe que transmiten.
A fase final deste concurso celebrarase no marco dunha reunión de traballo organizada polos Museos Científicos Coruñeses para analisar o desenvolvemento das diversas iniciativas de divulgación científica postas en marcha a través do Proxecto CASC. Nesta reunión trataranse cuestións como a diferente permeabilidade dos sistemas educativos europeos para incorporar iniciativas de divulgación ou o papel dos medios de comunicación tradicionais e as redes sociais na formación científica dos mozos.
O proxecto CASC está financiado pola Unión Europea e ten como obxectivo explorar novas formas de mellorar a implicación do público coa ciencia. Nel participan concellos, museos científicos, universidades e parques tecnolóxicos de once países europeos. Os Museos Científicos Coruñeses foron elixidos para liderar un grupo de traballo cuxo obxectivo é identificar e analizar as prácticas divulgativas que demostraron maior eficacia na conexión da ciencia co público.














