Acta das reunións do Xurado da XXIII Convocatoria dos Prismas Casa das Ciencias á Divulgación

martes, 28 setembro 2010, 9:41 | Category : comunicados, museos científicos, premios
Tags :

O Xurado dos premios Primas da Casa das Ciencias á Divulgación, cuxa presidencia, por delegación do Sr. Alcalde da Coruña, corresponde a D. Joandomenec Ros Aragonés, Catedrático de Ecoloxía (Universitat de Barcelona), está constituído ademais polos seguintes membros: Dna. Carme Prats Joaniquet, Coordinadora do Sistema territorial MNACTEC (Generalitat de Catalunya), D. Javier Medina Fernández, Director da área de Ciencia e Educación do Parque de las Ciencias de Granada, D. Mikel Goñi Santamaría, Director de innovación e divulgación de KutxaEspacio de la Ciencia (San Sebastián), D. Fernando Mugarza, Director de Comunicación Corporativa Grupo Zeltia (Madrid), D. Martí Domínguez, director da revista Mètode (Valencia), D. Xurxo Mariño, profesor do Departamento de Medicina da Universidade da Coruña, e D. Xosé Antón Fraga Vázquez, Director dos Museos Científicos Coruñeses, que actúa como Secretario. D. Fernando Mugarza, que non estivo presente na deliberación final delegou o seu voto no Presidente.
Tras as reunións celebradas os días 24 e 25 de setembro e sendo as 13 horas do día 25, este Xurado:
1.º Decide por unanimidade outorgar o Prisma de Bronce ao mellor traballo multimedia destinado á divulgación científica, e o premio dotado con seis mil euros, ao documental "En busca do mexillón de río" cuxo autor é D. Federico de la Peña Santos, pola forma amena e precisa con que presenta o tema e a calidade das imaxes, alertando, asemade, sobre os riscos que sofre a biodiversidade natural.
Mesmamente, decide por unanimidade outorgar unha Mención Honorífica á páxina web www.mardeespaña.es presentada por D. José Antonio Moya, do Taller de Imaxe da Universidad de Alicante.
2.º Decide por unanimidade outorgar o Prisma de Bronce ao mellor libro de divulgación científica editado en España en 2009, ao titulado "Evolución. El mayor espectáculo sobre la Tierra", da Editorial Espasa e orixinal de Richard Dawkins, pola decisión da editorial de trasladar á sociedade os argumentos dun autor de referencia na ciencia evolutiva.
3.º Decide por unanimidade outorgar o Prisma de Bronce ao mellor artigo xornalístico de divulgación científica publicado durante o ano 2009, e o premio dotado con seis mil euros, ao traballo titulado "¿Cuántos años me echas? Las edades del hombre...y todo lo demás" de Elena Sanz Pérez de Guzmán, publicado en Tercer Milenio, suplemento de ciencia do Heraldo de Aragón, pola súa orixinalidade, oportunidade e diversidade de enfoques, así como pola súa claridade e concisión, apoiado nun excelente tratamento infográfico.
Asemade, decide por unanimidade outorgar unha Mención Honorífica ao artigo xornalístico "La energía que viene" de Abraham Alonso González, publicado na revista Muy Interesante.
4.º Decide por unanimidade outorgar o Prisma de Bronce ao mellor texto orixinal e inédito de divulgación científica, dotado con seis mil euros e a publicación da primeira edición, ao que leva por título "El siglo de oro de la Biotecnología vegetal. Cien años que han cambiado nuestra visión de las plantas" do que é autor José María Seguí Simarro. O Xurado tomou en consideración a maneira de abordar, dende o rigor e a accesibilidade, un tema de interese científico, económico e social pouco tratado no ámbito divulgativo.
5.º Decide por unanimidade outorgar o Prisma Especial do Xurado, e o premio dotado con nove mil euros por PharmaMar Grupo Zeltia, ao diario Público, pola súa sección de Ciencias, que constitúe unha aposta por situar á ciencia nun lugar protagonista nun medio escrito diario. Algo moi destacable no panorama periodístico actual.

Na Coruña, a 25 de setembro de dous mil dez.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Leave a comment

Cannot get file list: '/var/www/mapa/wp-content/plugins/SK2/sk2_plugins/' is not a valid folder path