Nota de prensa da Concellaría de Cultura sobre a non celebración na Coruña do Cultur.gal 2010
A Concellaría de Cultura do Concello da Coruña lamenta a decisión adoptada pola comisión organizadora da próxima edición da Feira Galega das Industrias Culturais CULTUR.GAL de abandonar A Coruña como sede deste evento. A ubicación do CULTUR.GAL na cidade da Coruña, a partir do ano 2008, supuxo un salto cualitativo na repercusión pública e social desta feira, chamada a ocupar un papel protagonista na difusión da cultura galega. A Coruña ofrece, por traxectoria, por peso poboacional e por centralidade cultural unhas magníficas condicións para garantir o éxito dun evento destas características. O certo é que cando en 2009 a Consellaría de Cultura decide non facer o Culturgal o Concello da Coruña apoiado por ducias de voluntarios e por todos os sectores da Cultura fai unha feira, o Achegarte, cunha resposta de toda a cidadanía verdadeiramente importante. Por iso, o traslado da sede da feira supón unha perda para a cidade, pero tamén unha perda para a cultura galega.
A Concellaría de Cultura respecta a lexítima decisión adoptada polos organizadores do CULTUR.GAL, pero considera inaceptables as presións realizadas pola Xunta de Galicia para forzar o traslado da sede da feira. Non é admisible que desde a Consellaría de Cultura se condicione a aprobación dunha parte importante do financiamento do evento (mais do 40% do total) a súa realización fóra da cidade da Coruña. A actuación da Consellaría de Cultura en relación co CULTUR.GAL reflicte a continuidade dunha política de marxinación da cidade da Coruña de calquera programación, colaboración ou evento cultural patrocinado pola administración autonómica.














