Outonarte 2010: “Cartografías quebradas”
A edición
de OUTONARTE#2010, promovida pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, preséntase este ano baixo o título global de "CARTOGRAFÍAS QUEBRADAS", un proxecto comisariado por Seve Penelas, no que participan un total de 14 artistas e colectivos. A inauguración será o sábado 2 de outubro ás 12:00 na Sala Municipal de Exposicións do Palexco, onde haberá unha interpretación de danza contemporánea, a cargo da Compañía PISANDO OVOS, e, posteriormente, un percorrido polas dúas sedes expositivas e os traballos de intervención en espazos públicos, no eixo entre o Palexco e a Casa da Cultura Salvador de Madariaga.
Esta edición de Outonarte#2010 ofrecerá un itinerario expositivo por propostas de actualidade das artes visuais en Galicia, a través dunha xeira de xoves artistas que traballan con diferentes contidos, linguaxes e soportes técnicos: pintura, fotografía, vídeo, cortos de animación en stop-motion, instalacións, performances e rexistros de accións, intervencións no espazo público, danza contemporánea, etc., acompañados dun programa de actividades paralelas -a desenvolver ao longo do mes de outubro e a primeira semana de novembro -, entre as que se incluirán proxeccións, obradoiros, charlas, videolecturas e accións poéticas, presentación do catálogo da exposición, e outras iniciativas. As sedes fixas distribuense entre a Sala Municipal de Exposicións do PALEXCO (Palacio de Exposicións e Congresos) –Avda. da Asociación da Prensa, s/n-, e a Casa da Cultura Salvador de Madariaga –Rúa Durán Loriga, 10- (onde se atopan a Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil e o CGAI, Centro Galego de Artes da Imaxe).
O percorrido entre ambos espazos transita tamén entre fitos sinalados de intervencións públicas: comezando no entorno do propio Palexco (Avda. da Asociación da Prensa), pasando polos Xardíns de Méndez Núñez, Obelisco, Cantón Grande, ate a arco-pasaxe na esquina entre as rúas Durán Loriga e Huertas, para rematar cunha gran pintura mural na Travesía da rúa Huertas, ou á inversa. Un itinerario de ida e volta con todos os seus quebros, propios das olladas dunha escolla de artistas representativos da actualidade artística en Galicia que vertebran esta exposición entre as revisións de poéticas clásicas e modernas, e cunha especial atención á cidade, ao lugar, ao corpo e o relato, como escenarios e territorios cargados de simbolismos, cruces, significados e significantes. Faros, vistas áereas de cidades, paisaxes enredadas en terra de ninguén, labirintos, ambientes sonoros e proxeccións orgánicas, estruturas cromáticas e lumínicas, pinturas murais, intervencións na escenografía urbana, mapeados e inventarios da cidade, restitucións e desprazamentos de estatuaria pública e relectura monumental, animacións de contos e relatos de diversas tradicións, épocas e culturas, pezas de danza contemporánea, e outras fabulacións... Todo un convite á cidadanía para o coñecemento e disfrute da arte actual en Galicia, a partir dun proxecto colectivo co que incidir, puntualmente, nunha das áreas máis identificativas da cartografía urbana da Coruña, entre o Sábado 2 de outubro –día da inauguración- e o Domingo 7 de novembro -día da clausura- de 2010.
A distribución de artistas, sedes e intervencións en espazos públicos é a seguinte:
SALA MUNICIPAL DE EXPOSICIÓNS DO PALEXCO (Avda. da Asociación da Prensa, s/n):
- Fruela Alonso (Lloro, Asturias, 1974). Vive e traballa en Pontevedra. Pintura. (Paisaxes e vistas aéreas de cidades). Grandes e pequenos formatos.
- Christian García Bello (A Coruña, 1986). Vive e traballa entre A Coruña e Pontevedra. Debuxos, serigrafías, fotografías e transferencias de imaxes gráficas sobre diferentes soportes. Temáticas de paisaxes de terra de ninguén, arquitecturas e edificios, ruinas e outros escenarios, etc.
- Sofía Grandío (Vilalba, Lugo, 1986). Vive e traballa entre Vilalba (Lugo) e Bilbao. “Acción en 3 partes” (2009). Proxección de vídeo (15 min. en bucle), nunha sala pechada e acondicionada dentro do Palexco.
- Borxa Guerrero (Feás, Cariño, A Coruña, 1983). Vive e traballa en Pontevedra. “Cosmogonías” (2008). Debuxos-paisaxes-constelacións en caixas de luz.
- Holga Méndez (Pontevedra, 1971). Vive e traballa en Teruel. “Velocidad + Sentimiento = Luz” (2010)
Instalación (Proxección con 2 proxectores e 1 diapositiva de mica en cada un deles, e unha “paisaxe sonora” de 60 min. de audio).
- Andrés Pinal (Vigo, 1969). Vive e traballa entre Vigo e Pontevedra. Fotografía. Serie Faros. 28 Fotos de 130x130 cm c/u + Vinilos con mapa litoral de Galicia + Liña de costa para ubicación xeográfica dos faros e as súas alturas.
- Pisando Ovos. Compañía de Danza Contemporánea.
- Rut Balbis (Ourense, 1979). Vive e traballa en Oleiros. Peza de danza contemporánea, “MENOS 1”, para o Sábado 2 Outubro, día da inauguración, no interior da Sala de Exposicións do Palexco. (Duración aprox. 15-20 min.)
- Mar Vicente (Lugo, 1979). Vive e traballa en Wolfsberg, Graz, Austria. Pintura, obxeto, instalación. Estructuras cromáticas de cores primarias e secundarias, xogos de complementarios, con branco.
CASA DA CULTURA SALVADOR DE MADARIAGA (Rúa Durán Loriga, 10).
- Arturo Fuentes (Ourense, 1975). Vive e traballa en Vigo. Instalación dun “labirinto” de 12 caixas de cartón xiratorias, apoiadas sobre 12 banquetas con un libro en cada unha delas, no patio central da Planta Baixa.
- Damián Ucieda (A Coruña, 1980). Vive e traballa entre Sada (A Coruña), Londres e Nova York. Fotografías. Escolma de 11 imaxes da serie “Los Invisibles - Before Blue” (2009-2010). Distribuidas en montaxe disperso, non lineal, polas paredes da Primeira Planta.
- OQO Filmes (Pontevedra). Editora de libros ilustrados e produtora audiovisual radicada en Pontevedra. Proxeccións de entre 10-25 curtametraxes -de 10 minutos de duración media-, de animación en stop-motion. Proxeccións repartidas entre a Sala do CGAI, Centro Galego de Artes da Imaxe, e a Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil.
INTERVENCIÓNS EN ESPAZOS PUBLICOS
- Mar Vicente (Lugo, 1979). Vive e traballa en Wolfsberg, Graz, Austria. Intervención no entorno, accesos e fachadas frontais e lateral da sala do Palexco.
- Martín Pena (A Coruña, 1974). Vive e traballa entre A Coruña e Valencia. Intervencións no espazo público ao redor do concepto de “restitución e desprazamentos da estatuaria e os monumentos” (Obelisco e Xardíns de Méndez Núñez).
- María Marticorena (A Coruña, 1977). Vive e traballa en Houston (Texas), Estados Unidos. Proxección dentro dun contáiner, ubicado no Cantón Grande, dunha escolma retrospectiva de rexistros en vídeo das súas performances e accións. Bucle en torno a 20-25 minutos.
- Christian García Bello (A Coruña, 1986). Vive e traballa entre A Coruña e Pontevedra. Instalación de audio e imaxes (fixas e/ou animadas) dentro dun contáiner, ubicado no Cantón Grande. Mapeado e inventario revisado de lugares e monumentos da cidade.
- Mar Vicente (Lugo, 1979). Vive e traballa en Wolfsberg, Graz, Austria. Intervención no arco-túnel-pasaxe da rúa Huertas / esquina edificio Casa da Cultura Salvador de Madariaga.
- Alejandro Castro, "Nano" (Carballo, A Coruña, 1986). Vive e traballa entre Carballo (A Coruña) e Barcelona. Pintura mural en paredes medianeiras-traseiras da Travesía da rúa Huertas. Configuran a estructura dun retablo eclesiástico: dous laterais en ángulo, cunha altura aprox. de 5-6 metros, e 2 metros de ancho, máis un pano central de 3-4 metros de alto por 6-7 metros de ancho.
Neste arquivo, grazas a Seve Penelas, recóllese un extenso resumo, con textos e imaxes, desta edición: Cartografias quebradas Outonarte 2010.














