Inauguración de Outonarte#2010
A
edición OUTONARTE#2010, promovida pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, preséntase este ano baixo o título global de "CARTOGRAFÍAS QUEBRADAS", un proxecto comisariado por Seve Penelas, no que participan un total de 14 artistas e colectivos. A inauguración será o sábado 2 de outubro ás 12:00 na Sala Municipal de Exposicións do Palexco, onde haberá unha interpretación de danza contemporánea, a cargo da Compañía PISANDO OVOS, e, posteriormente, un percorrido polas dúas sedes expositivas e os traballos de intervención en espazos públicos, no eixo entre o Palexco e a Casa da Cultura Salvador de Madariaga.
Esta edición de Outonarte#2010 ofrecerá un itinerario expositivo por propostas de actualidade das artes visuais en Galicia, a través dunha xeira de xoves artistas que traballan con diferentes contidos, linguaxes e soportes técnicos: pintura, fotografía, vídeo, cortos de animación en stop-motion, instalacións, performances e rexistros de accións, intervencións no espazo público, danza contemporánea, etc., acompañados dun programa de actividades paralelas -a desenvolver ao longo do mes de outubro e a primeira semana de novembro -, entre as que se incluirán proxeccións, obradoiros, charlas, videolecturas e accións poéticas, presentación do catálogo da exposición, e outras iniciativas. As sedes fixas distribuense entre a Sala Municipal de Exposicións do PALEXCO (Palacio de Exposicións e Congresos) –Avda. da Asociación da Prensa, s/n-, e a Casa da Cultura Salvador de Madariaga –Rúa Durán Loriga, 10- (onde se atopan a Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil e o CGAI, Centro Galego de Artes da Imaxe).
O percorrido entre ambos espazos transita tamén entre fitos sinalados de intervencións públicas: comezando no entorno do propio Palexco (Avda. da Asociación da Prensa), pasando polos Xardíns de Méndez Núñez, Obelisco, Cantón Grande, ate a arco-pasaxe na esquina entre as rúas Durán Loriga e Huertas, para rematar cunha gran pintura mural na Travesía da rúa Huertas, ou á inversa. Un itinerario de ida e volta con todos os seus quebros, propios das olladas dunha escolla de artistas representativos da actualidade artística en Galicia que vertebran esta exposición entre as revisións de poéticas clásicas e modernas, e cunha especial atención á cidade, ao lugar, ao corpo e o relato, como escenarios e territorios cargados de simbolismos, cruces, significados e significantes.














