Intervencións de Outonarte#2010, “Cartografías quebradas”, en espazos públicos
Do
sábado 2 de outubro ao domingo 7 de novembro
Acceso libre.
As intervencións en espazos públicos de Outonarte#2010, "Cartografías quebradas", está composta por:
- Mar Vicente (Lugo, 1979). Vive e traballa en Wolfsberg, Graz, Austria. Intervención no entorno, accesos e fachadas frontais e lateral da sala do Palexco, abordando o acceso e as fachadas frontal e lateral do edificio cunha fragmentación e desprazamento da súa retícula acristalada, ao través de vinilos que semellan reivindicar unha marca branca diante do caos de cores do consumismo comercial. Esta primeira intervención contrastará, cromáticamente sen dúbida, cos seus outros traballos na sala interior, na caixa branca, onde impón as cores puras e primarias xunto á vibración óptica dos efectos lumínicos. Un xeito subtil de alterar unha aparente orde xeométrica.
- Martín Pena (A Coruña, 1974). Vive e traballa entre A Coruña e Valencia. Aborda unha relectura e desprazamentos da estatuaria pública e monumental. Unha primeira restitución xorde coa revisión e atención aos oito bustos de ilustres escritores e xornalistas que coroan -a máis de 15 metros de altura, afastados da máis obvia función dun retrato: poder ollalo cara a cara-, as fachadas laterais do edificio La Terraza, ¬sede da RTVE. Enriba quedan: Murguía, Pardo Bazán, Fernández Latorre, Madariaga, Pérez Lugín e Fernández Flórez; mentres, abaixo, a altura dos ollos, aparecen Julio Camba e Antón Vilar Ponte, dous clásicos e dous extremos opostos dunha maneira de vivir e sentir Galicia: desde o rigor do fundador de A Nosa Terra ate o humor e ludismo do experto en gastronomía e bon vivir. Un xesto subtil para coñecemento ou redescubrimento da cidadanía. Outra acción de restitución temporal presenta tres grandes aneis de pedra, estriados como os dun fuste de columna, tres tambores achados no almacén municipal da Grela, que voltan como compaña histórica a un dos enclaves por excelencia da Coruña: diante do Obelisco.
- María Marticorena (A Coruña, 1977). Vive e traballa en Houston (Texas), Estados Unidos. No Cantón Grande, un contáiner acolle os rexistros de vídeo das performances da autora, poñéndose a proba a través da resistencia do seu corpo, da sensualidade, do son, ou invertendo alegorías sobre o botafumeiro, os prototipos de homes duros que forxaron lendas no Oeste americano, tan coñecido agora para ela desde que marchou para Houston, Texas.
- Christian García Bello (A Coruña, 1986). Vive e traballa entre A Coruña e Pontevedra. Noutro contáiner tamén ubicado no Cantón Grande, a instalación deste autor pulsa memorias poéticas e mapeados da cidade con documentación e alusión ás súas mitoloxías máis persoais, desde o cineasta ruso Andréi Tarkovski ate os autores soviéticos de ciencia ficción Arkadi e Borís Strugatski.
- Mar Vicente (Lugo, 1979). Vive e traballa en Wolfsberg, Graz, Austria. Intervención no arco-túnel-pasaxe da rúa Huertas / esquina edificio Casa da Cultura Salvador de Madariaga, nunha nova intervención desta autora, que retoma o xogo cromático e lumínico cunha montaxe de lonas de cor que penduran deste lugar. Recursos elementais para transformacións urbanas.
- Alejandro Castro, "Nano" (Carballo, A Coruña, 1986). Vive e traballa entre Carballo (A Coruña) e Barcelona. Pintura mural "Todos los caminos llevan a Roma" en paredes medianeiras-traseiras da Travesía da rúa Huertas, configurando a estructura dun retablo eclesiástico-urbano, que acolle unha moi persoal revisión iconográfica a partir do bico de Xudas a Xesús, franqueado polas alegorías da morte -La Catrina, na súa versión mexicana-, e da vida -cunha muller preñada de futuro, pero tamén enmascarada no pecado-.














